A análise estadística, na élite do waterpolo español

gal1-2-_result
photo_camera Enrique García, estudiante do doutoramento da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e adestrador de waterpolo.

Enrique García achega diferentes datos aos clubs grazas a un acordo coa federación estatal

Poder estudar con vídeos as fortalezas e debilidades do rival, ao igual que analizar o rendemento do propio equipo a través de diferentes estatísticas, son tarefas que foron progresivamente gañando importancia no mundo do deporte. Mais este tipo de practicas non están igualmente estendidas en todas as disciplinas, como recoñece Enrique García, investigador da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e adestrador de waterpolo. “Noutros deportes lévannos anos de vantaxe e aínda que son datos que, por si mesmos, non che fan gañar un partido, si axudan a controlar moitas variables”, apunta García Ordoñez, responsable do proxecto de soporte estatístico e análise do xogo que acaba de pórse en marcha grazas a un acordo coa Real Federación Española de Natación (RFEN) e ao que se adheriron a maioría dos clubs de División de Honra masculina e feminina.

RC Canoe, CN Barcelona, CN Atlètic Barceloneta, CN Sabadell ou CN Sant Cugat so algúns dos equipos da máxima categoría do waterpolo estatal que se sumaron a unha iniciativa que se estenderá ao longo da presente tempada e na que García Ordoñez, tras recibir os vídeos dos encontros que lles remiten os diferentes clubs, proporciona aos participantes unhas estatísticas detalladas de cada partido e cortes de vídeo con accións de xogo concretas, ao tempo que tamén contribúe a axudar ao intercambio de gravacións de encontros entre os diferentes clubs.

“Unha vez descargo os partidos, analízoos cun programa para poder sacar os cortes de vídeo e as estatísticas, que logo subo a unha plataforma á que poden acceder os clubs participantes”, relata García Ordoñez, adestrador das categorías inferiores do Waterpolo Galaico de Pontevedra e secretario técnico da Federación Galega de Natación (FGN). O obxectivo desta iniciativa, engade, é facilitar que os adestradores e adestradoras poidan ter acceso a certos datos que lles permitan coñecer mellor o seu equipo, xa que “poderán ver aspectos a mellorar que puideran ter obviado, así como as armas a contrarrestar dos outros equipos”. De feito, a propia RFEN destacaba do proxecto que veñen de poñer en marcha a xeito de “proba piloto” que o labor deste investigador do campus suporá “un servizo de apoio para a difusión do waterpolo”, ao tempo que tamén “facilita a obtención de estatísticas do partido, algo complicado cos medios actuais”. Neste senso, García Ordoñez incide en que aínda que a iniciativa se limita en principio á presente tempada, “a idea é consolidar este proxecto e axudar a análise de vídeo dos diferentes equipos nacionais”.

Te puede interesar
Más en Universitas