CONSELLO DE GOBERNO

Aprobada a Oferta de Emprego Público do ano 2016 para o PAS

20161129141302234_result

Na sesión o reitor solicitou ao alcalde de Vigo un posicionamento claro sobre o pago do IBI

Luz verde do Consello de Goberno á Oferta de Emprego Público do ano 2016 para o persoal funcionario e laboral de administración e servizos, PAS, que contempla a convocatoria de seis prazas de acceso libre e outras 33, polo procedemento de promoción interna.

A proposta acadou 20 votos a favor, un en contra e sete abstencións, tras un debate no que os integrantes do equipo de Goberno e a Xerencia, dunha banda e os representantes sindicais das e dos traballadores, pola outra, evidenciaron as súas diferenzas, moi centradas no proceso de promoción do grupo C2 a C1.

A non inclusión na OEP de 2016 da totalidade das 42 prazas de C2 motivou o rexeitamento inicial das e dos representantes da Xunta de PAS e os Comités dos campus de Ourense e Pontevedra, que finalmente acordaron absterse na votación despois que o reitor, Salustiano Mato, se comprometese a que na oferta de emprego de 2017 se acadará a promoción do 100% de C2 a C1.

Tanto o xerente, Manuel Fernández Jauregui, como o propio reitor, destacaron a relevancia de que despois de varios anos sen poder facelo, por fin sexa posible realizar unha oferta de emprego público, unha vez que os orzamentos do Estado permitiron aplicar a taxa de reposición do 100%, o que permite convocar as seis prazas nas que se produciron baixas durante o ano 2015 e outras 33 de promoción interna, cinco de persoal laboral e 28 de persoal funcionario.


Na sesión, na que se presentaron a sexta Memoria de Responsabilidade Social da Universidade de Vigo e o primeiro informe de aplicación do Protocolo marco de actuación para a prevención e sanción do acoso sexual e por razón de sexo, o reitor, Salustiano Mato, e o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel Garcia, informaron aos membro do Consello de Goberno do proceso de negociación que a institución académica mantén co Concello de Vigo en relación co pago do Imposto de Bens Inmobles, IBI.

García lembrou que Vigo é neste intre o único concello de Galicia que segue a cobrar este imposto á universidade, algo que ademais de no caso da USC e da UDC, tamén ocorre no de moitas outras institucións académicas españolas. “En Pontevedra o concello concedeunos a máxima bonificación que permite a Lei Reguladora das Facendas locais, o 95%, e no de Ourense, tras un erro nas modificacións catastrais, motivadas pola construción do Parque Medioambiental e Xardín das Lagoas, temos o compromiso do Concello de que no momento que se subsane a inscrición catastral, outorgará de novo a exención do IBI ao denominado campus sur, algo que xa existe no caso do campus norte”, explicou García.

Te puede interesar
Más en Universitas