UNIVERSITAS

Caixa de queixas, suxestións de parabéns de seu

É un sistema que segue estritamente o procedemento definido como sistema de garantía
de calidade"

Procesos de funcionamento, persoas, instalacións, prestacións e docencia. Estas son as cuestións ás que se poden referir os usuarios e usuarias da caixa de queixas, suxestións e parabéns que a Universidade de Vigo vén de activa para os centros e departamentos, despois que este servizo comezase a funcionar o pasado verán para o ámbito da xestión centralizada. “A caixa está aberta a estudantes, persoal e sociedade en xeral, de xeito que poidan dispor dunha canle a través da que expoñer cuestións relacionadas coa calidade e mellora do servizo público prestado polos centros, departamentos, unidades e oficinas e servizos da Universidade”, explica Xosé María Gómez Clemente, director da Área de Apoio á Docencia e Calidade, que xunto á Unidade de Estudos e Programas, participou na elaboración deste recurso.
A caixa, á que é posible acceder directamente, tanto desde a páxina web principal da Universidade, como dende todas as páxinas que dela dependen, como as dos centros, permite unha resposta rápida e sinxela e forma parte dos programas de modernización e mellora continua de calidade, de xeito que atende as esixencias dos sistemas de garantía de calidade dos centros e das titulacións. “Deste xeito harmonízase o funcionamento respecto do seu tratamento en todos os centros da Universidade e garántase a trazabilidade entre a queixa e as accións que se tomen para a súa corrección ou prevención e mellorarase a análise dos resultados do sistema”, explica o director da Área de Apoio á Docencia e Calidade .

Entre as vantaxes que o sistema de xestión de queixas, suxestións e parabéns da Universidade inclúe, os seus promotores destacan, por unha banda a posibilidade seguir as queixas desde o momento que se presentan ata que se resolven, e por outra, a de establecer prazos moi determinados para a súa resolución. “É un sistema que segue estritamente o procedemento definido no Sistema de Garantía de Calidade e agardamos que contribúa a facilitar o mellor funcionamento de centros e departamentos e sirva para os procesos de seguimento e acreditación dos títulos”, sinala Xosé María Gómez Clemente.

Te puede interesar
Más en Universitas