UNIVERSITAS

Celebración do Día do Libro coa segunda edición da Guerrilla Laneira

_g1-2-_result
photo_camera O mostrador dá a benvida ao Día do Libro.

Dez persoas levan dous meses calcetando as creacións que decoran todo o edificio

Nada se lle escapou á Guerrilla Laneira na Biblioteca Central. Libros, cadeiras, pasamáns, papeleiras, columnas, libros e mesmo os mostradores. É o xeito no que as traballadoras da Biblioteca celebran o Día do Libro, desta volta, de xeito anticipado para facelo coincidir coa xubilación de Ita Longa, traballadora da Sección de Adquisicións e principal impulsora da iniciativa. No seu derradeiro día de traballo na Universidade, amosábase plenamente satisfeita do resultado tras dous meses de intenso traballo tecendo durante horas.

Explica que é a segunda vez que se deciden por esta iniciativa do Yarnbombing ou guerrilla laneira, un movemento que naceu en EEUU e Holanda para cubrir o mobiliario urbano con lá e fío. “Esta corrente estivo moi ligada ás bibliotecas dende que xurdiu e por iso decidimos apostar por ela, tratando de encher de cor e alegría as estancias do edificio ao tempo que damos a coñecer este servizo”, explica. Recoñécese unha entusiastas da calceta e do croché e destaca que a primeira edición da guerrilla laneira, celebrada en 2013, foi todo un éxito conseguindo que moita xente se achegase á Biblioteca.

As creacións que decoran todo o edificio, dende o exterior ata os mostradores e as salas, recollen frases que invitan á lectura e ao saber e fano en diversos idiomas, dende o galego, o catalán ou o éuscaro ata linguas como o inglés ou o italiano e outras tan afastadas como o tamil, que se fala no sur da India. Na elaboración de todos estes deseños, explica Longa, “colaboramos dez persoas, e non só persoal da Biblioteca, senón tamén persoal docente e de administración e servizos".
Tecedoras de historia

Ademais da mostra laneira, que se poderá visitar ata finais de maio, a Biblioteca Central conmemora o Día do Libro coa exposición bibliográfica Tecedoras de Historias, que recolle unha selección de preto de 40 libros de “mulleres, escritoras e galegas” como explica Ita Longa. Como nexo de unión entre ambas actividades elixiron, “como non podía ser doutro xeito”, O club da calceta, de María Reimóndez, “que é o libro estrela da mostra”. A autora ofreceu onte un relatorio na propia Biblioteca universitaria que completa a programación de actividades deste Día do Libro 2015.

Como tamén fixeron na pasada edición, os primeiros en empregar o préstamos bibliotecario recibiron como agasallo unha galleta coa imaxe da portada do libro de María Reimóndez elaborada por outra traballadora da Biblioteca Central. Ademais, esta guerrilla laneira 2015 ten unha vertente solidaria, xa que todo o material será doado á ONG Implicadas no Desenvolvemento, da que Reimóndez é unha das fundadoras.

Te puede interesar
Más en Universitas