EMPREGO XURÍDICO

Un cento de estudantes e profesionais acudiron á cita

A Facultade de Dereito do campus de Ourense organizou Orienta Iuris, a I Feira de Emprego Xurídico de Galicia e Norte de Portugal

A cita desenvolveuse o pasado venres na Facultade de Dereito do campus.
A cita desenvolveuse o pasado venres na Facultade de Dereito do campus.
Un cento de estudantes e profesionais acudiron á cita

A Facultade de Dereito do campus de Ourense organizou Orienta Iuris, a I Feira de Emprego Xurídico de Galicia e Norte de Portugal. A cita, coorganizada polo Concello de Ourense, reuniu a máis dun centenar de estudantes, titulados, profesionais do sector e representantes de institucións co obxectivo último de fomentar a orientación e inserción laboral dos futuros xuristas. 25 institucións e empresas atenderon nos seus postos aos participantes, informándoos das oportunidades laborais que ofrecen, recollendo os seus currículos e explicándolles como realizan a súa selección de persoal. 


“Como Facultade de Dereito ofrecemos ao mercado laboral o mellor que temos: un alumnado cunha sólida formación xurídica e motivación”, destacou Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, durante a inauguración da cita. A responsable do centro fixo fincapé en que a universidade debe responder ás novas necesidades da sociedade ofertando títulos que son demandados polo mercado laboral e que contan con novas metodoloxías docentes, dotando aos estudantes de competencias e habilidades e non só de coñecementos especializados. “O alumnado ten que deseñar a súa estratexia de futuro desde as aulas, saber que competencias e habilidades lle van a pedir para poder ir adquiríndoas desde agora”, afirmou a decana en relación á importancia de fomentar o contacto dos estudantes cos futuros empregadores a través de iniciativas como esta feira ou a realización de prácticas.