UNIVERSITAS

Corporate Games, o evento deportivo máis acaído para Ourense

É un acontecemento con proxección internacional no que participan traballadores de diversas multinacionais.

Ao longo dos últimos anos, o deporte converteuse nun fenómeno de masas capaz de cambiar os hábitos da poboación, que chega a planificar as súas viaxes de pracer pensando na práctica da súa actividade deportiva favorita ou en poder asistir como espectador a algún tipo de acontecemento. Por este motivo, o turismo de eventos deportivos constitúe unha grande oportunidade para aqueles destinos que tratan de potenciar os seus atractivos e polarizar a novos viaxeiros. Conscientes desta realidade, o grupo SETrg da Universidade de Vigo desenvolveu para a Deputación ourensá un proxecto de investigación que aborda cun novo enfoque a toma de decisións con respecto aos eventos deportivos máis apropiados a desenvolver na cidade de As Burgas para mellorar a repercusión positiva e a optimización deste tipo de turismo. O resultado foi a proposta de tres acontecementos deportivos factibles para a cidade, aínda que con un en especial que a Ourense lle iría como anel ao dedo: os Corporate Games.

Trátase dun evento deportivo no que participan traballadores de diversas multinacionais de todo o mundo que conxuga deporte, negocio e turismo e que “xera, sen dúbida, un significativo impacto económico na cidade anfitrioa”, salienta Patricio Sánchez, un dos integrantes deste grupo centrado en Economía do Deporte, Industria do Ocio e Turismo. Acoller un evento destas características suporía ademais de promoción, unha proxección internacional como centro de negocios e a creación dunha imaxe de marca que asocie Ourense cos eventos deportivos.

Te puede interesar
Más en Universitas