CURSO

Curso de lingua de signos para futuros docentes en Ourense

photo_camera

Case medio centenar de persoas están a participar nesta actividade no campus.

O camiño cara unha educación que integre a todos e todas, na que as persoas con calquera tipo de discapacidade tamén teñan o seu oco, é un longo camiño no que a formación dos propios docentes ocupa un posto destacado. Desde o pasado 19 de outubro, case medio centenar de profesores e futuros profesores realizan no campus de Ourense un curso no que afondan nas características da discapacidade auditiva e aprenden nocións básicas para comunicarse coas persoas que padecen algún grao de xordeira. Vivir a experiencia de comunicarse nunha lingua visual e xestual.

O curso complementario "Inclusión educativa da discapacidade auditiva: práctica da lingua de signos" está organizado pola Asociación Universitaria Pedagóxica e Cultural Educere coa colaboración do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación. Baixo a dirección de Manola Raposo, a codirección de Tania Cid e a coordinación de Santiago Pato, o curso celebra a súa segunda edición esgotando unha vez máis as súas 45 prazas dispoñibles.

O perfil dos asistentes, explican desde a organización, é fundamentalmente o de docentes e de alumnado da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, sendo destacable a participación de persoas que desexan traballar con alumnado de necesidades específicas de apoio educativo, colectivo no que tamén se inclúen as persoas con discapacidade auditiva. 

Segundo sinala o seu coordinador, o curso, de 30 horas de duración, ten como obxectivos que as persoas asistentes coñezan e entendan o mundo das persoas con discapacidade auditiva, que vivan a experiencia de comunicarse nunha lingua viso-xestual e expresiva, que adquiran nocións da lingua de signos española e que se sensibilicen coa realidade deste colectivo e coas barreiras que teñen.

As sesións de traballo permiten tamén ás persoas participantes aumentar e mellorar os seus recursos expresivos e comunicativos e desenvolver a súa expresión corporal. Para acadar estes obxectivos, o curso articúlase nunha parte teórica e unha parte práctica. n

Te puede interesar
Más en Universitas