GALARDÓN

David Posada recibe o premio de Biólogo do Ano

A distinción é outorgada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia

A vocación do catedrático de Xenética David Posada pola Bioloxía só se viu ameazada cando estudaba COU. Un profesor de filosofía “espectacular” provocou no xenetista da Universidade de Vigo un dilema existencial que o levou a matricularse da carreira de Filosofía na UNED, mentres cursaba Bioloxía.

“Era moito tute e tíveno que deixar e iso que nunca fun o típico biólogo de animaliños, pero me atraía e logo cando descubrín a evolución e a xenética, tíveno clarísimo”, asegura,quen hai uns días recolleu a distinción de Biólogo do Ano que outorga o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia. Sobre este galardón, do que valora especialmente que proveña dos seus colegas de profesión, afirma que se trata dun recoñecemento ao seu labor, para deseguido afirmar que “hai moitos biólogos en Galicia que merecen o premio tanto ou máis ca min”. Xunto a David Posada co gallo do Día do Biólogo, o Colexio Oficial tamén outorgou, nun acto que se celebrou no Pazo de Adrán en Teo, o galardón de Empresa do Ano a Hifas da Terra, S.L ,creada en 1999 polo bióloga Catalina Fernández de Ana e que centra a súa actividade na micoloxía. 

O director do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo foi o primeiro investigador galego en acadar una bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación, ERC, e en 2014 unha axuda Consolidator Grant, tamén do ERC, dotada con dous millóns de euros para financiar o seu proxecto sobre a evolución somática das células canceríxenas. “Levamos un ano e medio de cinco dun proxecto moi complicado no que traballamos con simulación de datos e non hai resultados máis aló de pequenos éxitos técnicos, que en si mesmos non teñen valor para o público en xeral. Só ao final se verá se temos capacidade de identificar procesos de evolución do cancro, que é unha célula que quere vivir máis que outras, medrar máis, alimentarse máis … é parte da vida, o prezo da vida”, explica Posada sobre o seu proxecto, co que pretende achegar respostas, non sobre a curación do cancro, senón sobre a bioloxía da enfermidade.
Neste punto o investigador vigués incide na importancia da heteroxenidade introtumoral que racha coa idea tradicional de que un tumor é un todo. “Un tumor é unha amalgama de cores, onde hai diferentes mutacións xenéticas, azul, verde .. e cando fas unha biopsia e colles un anaco moi pequeno, por exemplo, azul e das un medicamento azul, matas esas células, pero quedan as verdes e despois de tres anos volve aparecer o tumor. Como ligamos isto coa terapia? Imos intentalo, pero será ao final do proxecto ou noutro posterior para ver como eses marcadores da evolución poden axudar á prognose e a deseñar terapias más racionais”, explica Posada.

Te puede interesar
Más en Universitas