MODA

Diez años de debut: María Paz e Liliana Castiñeira compartiron o primeiro premio

20161130121237953_result

Un total de 53 proxectos do alumnadio de Esdemga desfilaron nunha pasarela que pechou Elena Rial

Cumprir dez anos xa facía de Debut 2016 unha edición especial. Mais a pasarela na que Esdemga presenta as coleccións que constitúen os traballos de fin de estudos das súas novas tituladas, xunto con outra serie de proxectos elaborados polo alumnado dos diferentes cursos, tornouse aínda máis especial co veredicto final do xurado, que decidiu outorgar dous primeiros premios ás coleccións Estancias, de María Paz, e Looking for Miranda, de Liliana Castiñeira. “Despois de darlle moitas voltas, optouse por un primeiro premio compartido,en igualdade, en lugar dun premio e un accésit, porque se trababa de dúas coleccións de calidade e interese paralelo,pero tan equidistantes que era complicado escoller”, explicou a directora de Esdemga, Lola Dopico, no momento previo a que se fixese público o nome das dúas coleccións seleccionadas de entre os 13 proxectos fin de estudos que Debut subiu á pasarela do Pazo da Cultura para celebrar o seu décimo aniversario.


“A verdade é que foi unha sorpresa enorme recibir este premio”, recoñecía Castiñeira minutos despois de converterse nunha das dúas gañadoras de Debut 2016 por Looking for Miranda, unha colección para a que esta titulada se inspirou nos filmes Picnic at Hanging Rock, de Peter Weir, e The Warriors, de Walter Hill. “Son dúas películas totalmente contrarias, unha céntrase nun colexio victoriano en Australia e outra nas bandas da cidade de Nova York”, sinala dunha proposta que buscaba “mesturar eses dous puntos nun mesmo estilismo”, no que confluísen por unha banda “a sutileza e a pureza” e pola outra “a dureza e agresividade”. 


“Despois de tanto traballo, é unha honra ter este premio na man”, engadía María Paz, gañadora tamén de Debut 2016, grazas á Estancias, unha colección feminina na que propuña “unha reflexión sobre a identidade, entendida como un espazo, un territorio que se vai construíndo ao longo do tempo, no que aparecen vínculos,reflexións, cousas que che van pasando...” Os códigos bordados que completaban as diferentes propostas e a “sensación de inmobilidade que conseguín cos traxes” constitúen dous dos aspectos que Paz máis salienta da colección que achegou a un desfile do que, ao igual que Castiñeira, destacan “como un trampolín para que coñezan o teu traballo”.


A décima edición de Debut congregou no Pazo da Cultura a numerosos representantes do sector da moda, así como a representantes institucionais como o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, os vicerreitores do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, e de Estudantes, Dolores Vázquez; o presidente do Consello Social Universidade, Ernesto Pedrosa, ou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. Todos eles puideron coñecer de primeira man o talento que se forxa nas aulas de Esdemga, nunha pasarela na que se presentaron un total de 53 proxectos e coleccións ideados polo alumnado desta titulación da Facultade de Belas Artes.

Te puede interesar
Más en Universitas