TESE

O discurso da “xeración sen nome” que mudou a arte en Galicia

photo_camera A investigadora Vanesa Díaz.

Vanesa Díaz estuda na súa tese a obra de máis de 30 creadores formados na Facultade de Belas Artes

A Facultade de Belas Artes foi un espazo permeable no que as influencias recíprocas facilitaron que en poucos anos se asimilaran grandes cambios no campo da arte en Galicia”, sostén a investigadora Vanesa Díaz, que centrou a súa tese de doutoramento na análise das obras realizadas por unha xeración de novos e novas artistas “que se coñeceu e se deu a coñecer” na facultade do campus pontevedrés. Unha “xeración sen nome” á que Díaz dedica unha investigación con dous obxectivos, “ensaiar unha modalidade posible de escritura e lectura das obras contemporáneas”, centrándose precisamente no contexto máis próximo, e, por outra banda, trazar os “primeiros apuntes” do discurso dunha "realidade complexa, poliédrica e radicalmente actual”, o discurso dunha xeración que vincula cun “auxe sen precedentes da arte en Galicia”.

Na súa tese Aproximación discursiva a unha mostra da arte contemporánea. Primeiros apuntes para o estudo dunha xeración (Galicia 1990-2010), que dirixiu a profesora do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura Carmen Becerra, esta investigadora analiza unha serie de obras elaboradas ao longo das dúas décadas obxecto de estudo por un total de 38 artistas, 30 deles formados na facultade pontevedresa. Nomes como Victoria Diehl, Juan Adrio, Mónica Cabo, Rubén Santiago, Marta Bernardes, Enrique Lista, María Marticorena, Fran Herbello ou Antón Cabaleiro convértense pois na base dun estudo no que “o sistema de investigación elabórase paralelamente á investigación mesma”, como recoñece Díaz.n

Te puede interesar
Más en Universitas