UNIVERSITAS

Dous días para vivir unha rodaxe desde dentro sen saír da facultade

g1-4-_result
photo_camera O plató de televisión de CCSS e da Comunicación acollerá os dous primeiros días de rodaxe de 'Desde dentro'.

Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra acolle a gravación da curtametraxe ‘Desde dentro’, de Samuel Lema

Comprobar desde primeira fila como é unha rodaxe profesional e facelo ademais, sen saír da facultade. Iso é o que achega ao alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación a gravación de "Desde dentro", a nova curtametraxe do realizador pontevedrés Samuel Lema, que iniciou a súa rodaxe neste centro do campus. Fíxoo ademais con dúas tituladas en Comunicación Audiovisual, Anxos Fazáns e Alba Iglesias, como parte do seu equipo, e coa implicación tamén de alumnado do centro, que colabora con esta produción, tanto aparecendo como figurantes como na propia realización dalgunha das escenas.
De aí que o profesor de Comunicación Audiovisual Paulino Pérez defina como “unha moi boa oportunidade para o alumnado" estes dous días de rodaxe, xa que lles permite "colaborar con profesionais que están facendo proxectos a un nivel bastante alto”. Non en van, a anterior curtametraxe de Lema, La Carne Cruda, resultou seleccionada para medio cento de festivais nacionais e internacionais e foi distinguida cunha decena de premios. “Deste xeito, poden confirmar que as rutinas de traballo que intentamos ensinarlles aquí están presentes nun traballo profesional e incluso coñecer outra serie de procesos que varían en función das necesidades que poida ter un determinado proxecto”, engade este docente, encargado de coordinar a colaboración da facultade con esta curta.

Te puede interesar
Más en Universitas