EcoAfrik avalía a conservación dos ecosistemas mariños do Atlántico

eco1_result
photo_camera Fran Ramil no centro e Ana Ramos á súa dereita, xunto a un grupo de investigadores.

Os resultados do estudo do IEO e da Universidade de Vigo servirán para protexer a biodiversidade

Analizar os Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMVs) é o obxectivo da campaña que investigadores do proxecto EcoAfrik desenvolverán ata mediados de febreiro en augas do Atlántico sudoriental, fronte ás costas de Sudáfrica e Namibia. Persoal investigador coordinado por Ana Ramos do Centro Oceanográfico de Vigo, que inclúe unha representación da Universidade de Vigo, liderada polo profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Fran Ramil, participa nesta campaña, froito da cooperación entre a SEAFO, a comisión da FAO para a organización das pesquerías no Atlántico sudoriental, o proxecto EAF-Nansen e o programa Deep-sea da FAO para acadar os obxectivos da Asemblea Xeral das Nacións Unidas e as correspondes directrices da FAO en relación coa conservación de ecosistemas mariños e a regulación da pesca no fondo en alta mar.

“A finais do pasado ano a FAO invitounos a participar na campaña a bordo do buque oceanográfico noruegués Dr. Fridtjof Nansen, no que xa traballaramos nos anos 2011 e 2012 no NW de África”, explica Fran Ramil que xunto a tamén investigadora Marta Gil, integran a representación da Universidade de Vigo neste proxecto, liderado polo investigador noruegués Odd Aksel Bergstad. Foi a propia FAO a que contactou con Ana Ramos para ofrecer a este equipo a responsabilidade do estudo dos invertebrados bentónicos que se recollan nos arrastres de fondo e da identificación e delimitación mediante prospección con vídeo submarino dos EMVs que se localicen na zona SEAFO durante a campaña.

Ramil será o responsable a bordo do estudo do bentos e da análise das imaxes submarinas, unha información que axudará a analizar a idoneidade dos actuais peches de EMV,s, levadas a cabo exclusivamente a partir de características morfolóxicas e afinidade bioxeográfica, ao tempo que servirá para implementar a protección dos recursos mariños e mellorar as medidas de xestión pesqueira encamiñadas á protección da biodiversidade e os ecosistemas en augas profundas do Atlántico sudoriental. n

Te puede interesar
Más en Universitas