INFRAESTRUCTURAS

O edificio de Benito Corbal, novo espazo para o emprendemento

Suporá un “salto cualitativo” nas relacións entre Universidade de Vigo e a cidade de Pontevedra

O edificio de Benito Corbal, novo espazo para o emprendemento

A sede corporativa do proxecto de especialización CREA S2i, un espazo dedicado ao emprendemento e a “intensificar as relacións co tecido empresarial”, xunto con áreas ligadas á oferta académica común do campus e unha serie de “espazos especiais de tipo demostrativo para o mundo artístico e creativo”.

Estes serán, segundo salientou o reitor, Salustiano Mato, algúns dos usos que a Universidade de Vigo dará as catro plantas superiores do edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal unha vez rematen as obras de reforma deste inmoble, que permitirá “dar un salto cualitativo no que é o enlace da Universidade coa cidadanía e coa cidade de Pontevedra”, como destacou o reitor durante unha visita ao edificio no que a Xunta proxecta un investimento dun total de 3,7 millóns.

 Co propósito de coñecer sobre o terreo a situación na que se atopa actualmente o edificio, que permanece sen uso desde hai oito anos, Mato e o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, participaron este pasado luns nun percorrido pola antiga sede da administración autonómica na cidade xunto ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o delegado territorial da Xunta José Manuel Cores Tourís e varios representantes da corporación municipal.n