entrevista

Fisioterapia está á disposición de toda a comunidade universitaria

Sonia Bouzas, fisioterapeuta do Campus de Pontevedra.
photo_camera Sonia Bouzas, fisioterapeuta do Campus de Pontevedra.

Para solicitar unha cita soamente hai que entrar na web da área de deportes

Sonia Bouzas Rico é desde hai aproximadamente ano e medio a fisioterapeuta do Campus de Pontevedra, unha consulta que aínda é bastante descoñecida entre o alumnado, PDI e PAS, pero que na actualidade oferta un amplo abano de propostas para previr lesións e tratalas. Este consultorio está ubicado na Escola de Enxeñería Forestal e está aberto a toda a comunidade universitaria.

No período que leva ao fronte da consulta de fisioterapia, que balance fai desta asistencia?

O balance é moi positivo no tocante á relación profesional co resto do persoal e tamén no que se refire ás sensacións cos pacientes, que na maioría dos casos acoden dispostos a participar activamente na súa recuperación e deste xeito é moito máis doado e efectivo o tratamento. 

Cales son os servizos que se poden solicitar?

A consulta de fisioterapia céntrase na recuperación de lesións e tratamentos da dor. Isto é o que máis se demanda. Os usuarios e usuarias acoden xeralmente con problemáticas asociadas a estilos de vida demasiado sedentarios. Por isto lles dámos moita importancia á hixiene e reeducación postural, e insistimos moito no fomento de estilos de vida máis activos. Outra das ofertas da Área de Saúde son os servizos de medicina deportiva, nutrición e dietética.

Cal é o perfil das persoas usuarias destas consultas?

Normalmente as persoas que acoden a nós son persoal docente-investigador os que máis, seguido de alumnado. En ambos casos, proceden a maioría da Facultade de Ciencias Sociais. Creo que nesta facultade, o boca a boca está a funcionar moi ben neste último ano e por iso agora conforman a maioría dos usuarios e usuarias do noso servizo.

Cal é a época do ano na que contades con maior actividade?

A época de maior afluencia de xente é xeralmente entre mediados de outubro e ata principios de decembro, e tamén desde finais de xaneiro ata que remata o curso. As épocas do curso con menor actividade son  as máis próximas aos períodos non lectivos e aos exames.

Lémbrenos cal é o horario das consultas de fisioterapia e onde se ubica?

Temos consultas todos os martes, de 13.00 a 16.00 horas, e os xoves, de 14.00 a 16.00 horas, na Escola de Enxeñaría Forestal do Campus de Pontevedra. Os martes temos tempo para atender a tres persoas e os xoves a dúas.

Cales son os vosos principais obxectivos este curso?

Mellorar e incrementar a difusión deste espazo. Aínda existe moito descoñecemento e moita xente non sabe que existe unha consulta de fisioterapia, especialmente alumnado, aínda que tamén persoal docente-investigador e persoal de administración e servizos. Queremos chegar a máis xente.

Cales son as principais recomendacións para evitar lesións?

A rasgos xerais, os elementos que nunca deben faltar son o traballo de mobilidade articular, fortalecemento muscular, flexibilización e propiocepción, sempre enfocados desde unha perspectiva funcional dependendo do tipo de paciente (idade, antropometría, actividade física, etcétera).

Por último, agardamos que agora xa máis xente saiba que existen estas consultas, que deben facer agora para facer uso del?

Para solicitar unha cita é moi sinxelo, soamente hai que entrar na web da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo e acceder aos Servizos de Saúde do Campus de Pontevedra, desde onde directamente se pode solicitar unha cita. 

Te puede interesar
Más en Universitas