UNIVERSITAS

Fisioterapia para tratar secuelas da extirpación da próstata

gal1_result
photo_camera A profesora Mercedes Soto é a investigadora principal deste proxecto.

Un proxecto tenta demostrar que se poden reducir os problemas de incontinencia urinaria e disfunción eréctil

Segundo o Centro Nacional de Epidemioloxía, o cancro de próstata é o segundo máis frecuente entre a poboación masculina. Non obstante, os métodos de detección precoz desta doenza permiten que, en máis da metade dos casos, a enfermidade sexa detectada cando aínda está localizada na glándula prostática. Isto provoca que unha das intervencións máis comúns nos afectados sexa a prostatectomía radical, a extirpación da próstata e das súas vesículas seminais, unha operación que contribúe a que este sexa un tipo de cancro cunha “baixa porcentaxe de mortalidade”, como sinala a profesora da Facultade de Fisioterapia Mercedes Soto. Non obstante, a intervención tamén ten a súa parte negativa, os problemas de incontinencia urinaria e disfunción eréctil que as persoas operadas padecen “nunha porcentaxe moi alta”. Para paliar estas secuelas, a fisioterapia pode resultar un valioso aliado, a xuízo desta docente, investigadora principal dun proxecto que profesorado da facultade desenvolverá durante os próximos dous anos con persoal médico do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo co obxectivo de comprobar se un programa de fisioterapia permite recuperarse destas secuelas en tres meses.

“A miña experiencia é que cando se realiza un programa de fisioterapia con estes pacientes, melloran moitísimo destes problemas”, apunta Soto, responsable dunha investigación na que tamén participan o profesor da facultade e director do grupo de investigación en Fisioterapia, Manuel Gutiérrez, e a profesora e decana do centro, Eva María Lantarón, xunto co xefe de cirurxía do Meixoeiro, Antonio Ojea, e a uróloga Sabela López. Segundo relata a investigadora, os diferentes estudos realizados dos efectos que a fisioterapia ten nas persoas que foron sometidas a unha prostatectomía demostran que “os resultados do tratamento son positivos”. Non obstante, Soto tamén matiza a “diversidade de criterios” tanto na definición de a partir de que grao de perda de urina se pode falar de incontinencia, como na duración do tratamento, fan que non se definise “un programa de intervención eficaz” para estes casos. Ese é precisamente o obxectivo que persegue o proxecto de investigación Efectividade dun programa de fisioterapia no tratamento da incontinencia urinaria posprostatectómica, que propón someter aos pacientes que se adhiran ao estudio a tres meses de tratamento, o cal se iniciará un mes despois da operación, co obxectivo de comprobar “que porcentaxe pode alcanzar a continencia nese período e cal é o grao de mellora naqueles casos máis severos”.

Mellora na calidade de vida

Aínda que o diagnóstico temperán permita facer fronte ao cancro e reducir o índice de mortalidade desta doenza, as consecuencias que ten a extirpación da próstata constitúen tamén “un problema de saúde”, posto que “a calidade de vida das persoas operadas pode verse afectada”, tanto polas limitacións que pode provocar incontinencia como pola “baixada de autoestima ou os sentimentos de culpa e depresión" que pode provocar a disfunción eréctil. Neste senso, “o que din os estudos médicos é que o problema de incontinencia vaise solucionando ao cabo de dous anos, aínda que hai xente que o padece para sempre”, apunta a profesora, que incide en que a fisioterapia pode contribuír a “acelerar moito este proceso de recuperación”. De feito, a hipótese principal deste grupo é a de que “pode alcanzarse a continencia urinaria aos tres meses de tratamento”, período no que o paciente tamén experimentaría unha mellora no seu problema de disfunción eréctil, “que podería solucionarse incluso dun xeito máis rápido”, apunta Soto.

Despois de recibir o informe favorable do comité de ética do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, o persoal médico implicado neste proxecto vén de iniciar o proceso de informar aos pacientes que van a ser sometidos a esta operación da posibilidade de participar neste estudo, que estímase abranguerá preto de 140 casos. Estas persoas serán distribuídas, de xeito aleatorio, nun grupo experimental, que recibirá un tratamento de fisioterapia durante un período de tres meses, e un segundo grupo de control, que “será seguido de acordo coa práctica clínica habitual”, o que permitirá comprobar as diferencias na evolución entre uns e outros. Segundo explica Soto, está previsto que a fase de captación e tratamento se estenda ao longo dos próximos dous anos. En todos os casos, realizarase un seguimento aos participantes durante os 12 meses seguintes ao tratamento.

Te puede interesar
Más en Universitas