ALIANZA ENTRE UNIVERSIDADES

Fomento da investigación en beneficio das persoas maiores

O campus de Ourense acolleu a sinatura dun convenio marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación Dorzán

Secundino Vidal con Salustiano Mato e Virxilio Rodrí­guez trala sinatura do convenio.
Secundino Vidal con Salustiano Mato e Virxilio Rodrí­guez trala sinatura do convenio.
Fomento da investigación en beneficio das persoas maiores

O campus de Ourense acolleu a sinatura dun convenio marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación Dorzán, institución privada sen ánimo de lucro centrada no colectivo da terceira idade. A iniciativa, explicou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, permitirá “dedicar talento universitario a mellorar a calidade de vida dos nosos maiores”. Como primeiro froito deste acordo presentáronse as Bolsas Fundación Dorzán destinadas a financiar un proxecto de investigación centrado no eido da xeriatría ou xerontoloxía.

Segundo subliñou Mato, a “alianza estratéxica” asinada entronca co proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga no que se refire á súa liña estratéxica de innovación social. O reitor apuntou como un dos piares desta innovación social é precisamente a atención ás persoas maiores, eixo de traballo da Fundación Dorzán. A sinatura deste convenio, afirmou, “achéganos á sociedade” pois “axudaranos a transferir o coñecemento que se xera na universidade para solucionar problemas sociais”. Durante a súa intervención, Mato recalcou a importancia de que o envellecemento se aborde en positivo. “Os maiores non son un problema, son unha oportunidade”, afirmou.

Pola súa banda, Secundino Vidal, vicepresidente da Fundación Dorzán, lembrou como a entidade que representa financia desde hai cinco anos a celebración na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense do curso Intervención socioeducativa con persoas afectadas de alzhéimer.