O futuro da docencia e a docencia do futuro tratado por expertos

Remata o prazo para presentar comunicacións para o IV Congreso Internacional de Docencia Universitaria

Un punto de encontro para aprender, coñecer e debater sobre as necesidades e retos da docencia universitaria. Así naceu en 2009 o Congreso Internacional de Docencia Universitaria, que na pasada edición reuniu en VIgo máis de 400 docentes españois, portugueses e de Latinoamérica. No vindeiro mes de xuño o campus olívico volverá ser a sede do Cindu na procura “non de respostas ao retos da educación, senón de debate e reflexión”, como explica o profesor Pedro Membiela, membro do comité organizador. A cuarta edición deste congreso celebrarase do 25 ao 27 dese mes coa vista posta no futuro da docencia e co obxectivo de facer unha posta en común do que en diferentes disciplinas e áreas se está a facer neste eido. “É un intercambio non só docente, tamén persoal, que enriquece o traballo de todos os que nos dedicamos á educación”, explica Membiela, por iso a organización aposta por non delimitar temáticas para as comunicación e deixar a aberta a participación para coñecer todo tipo de experiencias e perspectivas. “Coñecer o que fan os demais axúdamos a mellorar a práctica e, sen este tipo de foros, é complexo descubrir no que está a traballar noutros lugares”.

A organización amósase moi satisfeita coa acollida que o simposio tivo nas edicións de 2009, 2011 e 2013, neste último ano superando as expectativas tanto de asistentes como de comunicacións presentadas, coa participación de 411 profesoras e profesores universitarios chegados de toda a xeografía española, Portugal e Latinoamérica, sobre todo de Brasil e Arxentina. Nas primeiras edicións, o Espazo Europeo de Educación Superior marcou dunha forma destacada os contidos, “agora, quizá as novas tecnoloxías e o seu uso como ferramentas educativas sexan un dos principais focos de interese”, destaca Membiela. Os sistemas de calidade, aínda que teñen unha vertente máis organizativa, son outros dos retos da docencia actual.

Con todo, o profesor subliña que a situación económica e social actual tamén se reflicte na educación. “É unha época escura, tamén para a docencia, pero debemos transmitir unha mensaxe positiva e traballar pensando no futuro”.

O prazo de presentación de comunicacións remata o 31 de xaneiro, e o de avaliación das mesmas, o 31 de marzo. O comité científico está composto por máis de 70 expertos de España, Brasil, Portugal, Reino Unido, Chile, Alemaña, México, Italia, Arxentina e Venezuela, que serán os encargados de avaliar os traballos presentados para ser exposto no congreso.

Te puede interesar
Más en Universitas