INTEGRACIÓN

Un futuro en feminino

Só existen 49 mulleres cun premio Nobel fronte a 833 homes

Un futuro en feminino

Unha elección de estudos estereotipada; unha reducida presenza feminina en cargos de responsabilidade; falta de recoñecemento público e de proxección das mulleres investigadoras... unha lista moi ampla de factores que se veñen arrastrando durante séculos e que desemboca en feitos tan ilustrativos como que existen 49 mulleres cun premio Nobel fronte a 833 homes. Rachar con estas barreiras, visibilizar a ciencia feita por mulleres e espertar as vocacións científicas e tecnolóxicas nas nenas para acadar unha sociedade igualitaria é o obxectivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemorou o 11 de febreiro. Con gallo desta data, a Universidade de Vigo apostou por atraer as miradas máis novas e curiosas das futuras profesionais cara a ciencia e a tecnoloxía coa xornada de relatorios e obradoiros “Elas fan CienTec”, na que participaron 120 nenas de 3º e 4º de ESO dos institutos República Oriental de Uruguai e Castelao de Vigo e o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui.

O obxectivo da actividade, como explica Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade, é “animar as vocacións científicas e tecnolóxicas femininas para rachar coa elección estereotipada de estudos”. Neste sentido, destaca que é importante “ofrecer modelos de referencia femininos” e animar ás rapazas especialmente coas enxeñarías, onde o número de alumnas segue baixando. De feito, considera que na actualidade se continúa animado máis aos nenos a facer carreiras tecnolóxicas, “mentres que nas nenas subxace a idea de que son carreiras complicadas e que non o van poder facer ben”. Por iso as 120 mozas coñeceron de preto as experiencias vitais e profesionais de estudantes, investigadoras e directivas relacionadas co eido científico e co tecnolóxico, referentes próximos e de primeira man, que se unen a nomes destacados da historia como Hipatia de Alexandría, Marie Curie ou Cecilia Helena Payne-Gaposchkin. Ademais, para espertar as súas vocacións e que coñeceran de primeira man o que podería ser o seu futuro no eido da investigación científico-tecnolóxica, as rapazas participaron nunha serie de obradoiros “entretidos e sinxelos”, como destaca a directora da Unidade de Igualdade, “para que experimenten e descubran un mundo científico e técnico que as atraia e as anime a estudar esas carreiras”.

As rapazas dividíronse en dous grupos, un deles con interese no eido científico, que se dirixiu ao edificio de Ciencias Experimentais e o outro, que baralla para o seu futuro o campo das enxeñarías, que pasou o día na EE de Telecomunicación. No edificio de Ciencias Experimentais as rapazas foron recibidas polo reitor da Universidade, Salustiano Mato, que destacou a necesidade de derrubar as barreiras que frean o acceso da muller ao mundo da investigación. Con estas actividades “queremos espertar en vós a emoción do mundo científico, porque precisamos do voso talento para que a ciencia progrese”.