O grao de Enxeñaría Aeroespacial comeza en setembro a formar talento

O vindeiro curso académico 50 estudantes poderán matricularse nesta titulación no campus de Ourense

Marisol Díaz, Román Rodríguez, Jesús Vázquez, Alberto Núñez Feijóo, Salustiano Mato, José Manuel Baltar, Arno Formella, Virxilio Rodríguez e Roberto Castro durante a presentación do grao de Enxeñaría Aeroespacial.
Marisol Díaz, Román Rodríguez, Jesús Vázquez, Alberto Núñez Feijóo, Salustiano Mato, José Manuel Baltar, Arno Formella, Virxilio Rodríguez e Roberto Castro durante a presentación do grao de Enxeñaría Aeroespacial.
O grao de Enxeñaría Aeroespacial comeza en setembro a formar talento

Un día histórico para a cidade e para provincia de Ourense e un día esperanzador para o sistema produtivo, empresarial e laboral galego. Con estas palabras foi presentado este martes o novo grao de Enxeñaría Aeroespacial que o vindeiro curso académico 2016/2017 se comezará a impartir no campus de Ourense. Os novos estudos, destacouse na súa presentación, nacen co obxectivo de captar e formar talento que nutra a aposta polo desenvolvemento dun polo aeronáutico e aeroespacial galego que terá en Ourense o seu vértice académico. Co anuncio da nova titulación que se comeza a impartir en setembro culmina un dilatado proceso no que moitas persoas e entidades sumaron esforzos e ilusións coa arela común de ter algún día egresados e egresadas en Enxeñaría Aeroespacial pola Universidade de Vigo. 

O acto, que tivo lugar na Delegación da Xunta en Ourense, contou coa asistencia de numerosos membros da comunidade universitaria e autoridades. Alí estiveron Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Román Rodríguez, conselleiro Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense; Marisol Díaz, delegada territorial da Xunta en Ourense, e Arno Formella, secretario da Xunta de Titulación de Enxeñaría Aeroespacial e próximo director-comisario da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo á que nace asociado este grao. Entre o público estaban Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades; María Patrocinio Morrondo, presidenta da Acsug; Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense; Fernando Aguado, director da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, e os responsables de centros do campus de Ourense, entre outras persoas.

“Esta nova titulación dotará de músculo ao incipiente sector aeronáutico e aeroespacial galego”, recalcou Salustiano Mato durante a presentación. Para facelo, indicou, o novo grao deseñouse “tendo en conta o tecido empresarial e produtivo galego e as súas necesidades”. O título de Enxeñaría Aeroespacial, subliñou Salustiano Mato, “é unha aposta que facemos desde a Universidade de Vigo para toda Galicia”, xa que será unha titulación única no Sistema Universitario Galego. Durante a súa intervención, o reitor quixo agradecer o traballo levado a cabo pola Xunta de Titulación deste grao; polo seu presidente, José Antonio Vilán, e por todas as persoas que participaron na maduración da proposta ata a súa definitiva aprobación. Nas súas palabras, o reitor tamén quixo agradecer á Xunta de Galicia e ao seu presidente o seu compromiso con esta proposta desde os seus inicios.

50 prazas, 240 créditos e 4 anos

Sobre os detalles da nova titulación, Arno Formella destacou na presentación que o grao de Enxeñaría Aeroespacial constará de 240 créditos repartidos en catro cursos académicos. Con 50 prazas dispoñibles, os estudantes poderán especializarse realizando nos dous últimos cursos a mención en Aeronaves ou a mención en Equipos e Materiais Aeroespaciais, dous dos cinco itinerarios curriculares estipulados para estes estudos. Unha vez aprobada a titulación, o docente salientou como a través do traballo realizado pola Xunta de Titulación do grao xa están planificados os recursos e o persoal necesarios.