UNIVERSITAS

Homenaxe aos que fixeron posible a mellor universidade

g2_result
photo_camera Un momento do acto celebrado no Paraninfo de Vigo, onde seis xubilados e xubiladas recibiron insignias en representación de todos.

A entidade académica agradeceu o labor desenvolvido polo seu persoal agora xubilado cun acto celebrado no Paraninfo, cando se cumpre un cuarto de século da súa fundación

 172 membros do persoal docente e investigador e 59 do de administración e servizos xubiláronse desde o ano de constitución da Universidade de Vigo, hai agora un cuarto de século. Coincidindo con esta efeméride a institución académica celebrou unha homenaxe co obxectivo de agradecer e poñer en valor un traballo que, en palabras do reitor, Salustiano Mato, “deixou como legado unha gran universidade, a mellor do mundo para vós e para nós porque é a nosa”. Unha ampla representación dos que un día foron PAS e o PDI dos tres campus recibiron no acto celebrado no Paraninfo o agradecemento da comunidade universitaria polo seu traballo, materializado na insignia da Universidade que lles foi entregada, primeiro a unha representación deste colectivo de mans do equipo de Goberno e posteriormente ao resto deles.


Nun acto que foi conducido polo estudante do grao en Publicidade e Relacións Públicas Enmanuel Franco e que foi amenizado polo cuarteto de corda Aurum Ensemble, a que fora decana e docente da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, Mercedes Suárez e o que tamén fora xefe do Servizo de Asesoría Xurídica, Antón Vidal, foron os encargados de tomar a palabra en nome dos ex traballadores, aos que animaron a gozar da súa condición de xubilados que “non de persoal pasivo”, así como “do orgullo de pertencer á institución”.

A xeración dos pioneiros
Dous vídeos, un que recuperaba imaxes da orixe dos tres campus e outro no que unha escolma de antigos PAS e PDI lembraba diferentes aspectos do seu traballo na institución académica, deron inicio a un acto, que mesmo serviu de punto de reencontro para compañeiros e compañeiras de traballo que levaban anos sen verse.


Mercedes Suárez foi a primeira en tomar a palabra e iniciou a súa intervención para reivindicar a condición de “activos” dos e das traballadoras xubiladas, que aproveitan o seu tempo para desenvolver as actividades máis diversas, tras anos de traballar moito “primeiro para a USC e logo para a Universidade de Vigo, en condicións difíciles, para cambiar, non só a universidade, senón tamén a sociedade tan gris que nos tocou”. A elaboración dos estatutos das universidades de Santiago, primeiro e Vigo despois, a dignificación dos campus e a constitución dun claustro crítico e mesmo “movido e divertido”, foron algúns das achegas do PDI e PAS agora xubilado que Suárez destacou no seu discurso, no que reivindicou a existencia de vida máis alá do ámbito laboral e no que desexou “feliz camiño a boa chegada onde vos quixer”.
Pola súa banda, nun discurso no que non faltaron referencias a Otero Pedrayo e a Álvaro Cunqueiro, Antón Vidal, lembrou os inicios da que deu en chamar como “xeración dos pioneiros”, que tivo que comezar a desenvolver a súa actividade nun campus que non era máis que cun conxunto de centros illados, non que nalgúns casos non había nin sitio para sentarse. Tras defender a autonomía universitaria, que asegurou, “consagrou a cultura do autogoberno”, Vidal destacou a importancia do sentimento de pertenza á institución, que considera, debe ser máis cultivado. O que fora xefe do Servizo de Asesoría Xurídica rematou a súa intervención parafraseando a Álvaro Cunqueiro para pedir “1000 primaveras máis para a nosa institución e para todos nós”.

Te puede interesar
Más en Universitas