NOMEAMENTO

Humberto Michinel, presidente da EOS

20161004184019277_result
photo_camera Humberto Michinel

O catedrático da Universidade de Vigo será o primeiro español en ocupar este cargo

Humberto Michinel, catedrático de Óptica da Universidade de Vigo, vén de ser elixido este martes presidente da European Optical Society (EOS). O docente do campus de Ourense será o primeiro español en ocupar este cargo na entidade que agrupa ás sociedades estatais de óptica da Unión Europea e que ten como obxectivo contribuír ao progreso nesta área de coñecemento e promover o seu desenvolvemento tanto no contexto comunitario coma no internacional. O seu nomeamento supón, afirma, un recoñecemento ao nivel de calidade acadado pola investigación que en España se realiza neste eido. “É unha honra ter sido elixido por unanimidade para o posto. Este nomeamento supón un espaldarazo a toda a comunidade óptica española”, comenta o docente. A elección, engade, ten un valor especial porque “non deixamos de traballar desde un campus pequeno como é o de Ourense”.

Segundo explica o novo presidente da entidade, o nomeamento produciuse na tarde do martes na asemblea anual que celebrou en Berlín a European Optical Society. Humberto Michinel xa fora elixido en maio deste ano para entrar no novo equipo directivo da entidade que nesta reunión comezou a súa andaina pero, a proposta da xunta directiva saínte e por votación por unanimidade dos membros da sociedade, finalmente o catedrático da Universidade de Vigo foi elixido para ocupar o cargo de presidente. Nel estará dous anos como presidente electo, dous como presidente executivo e dous como presidente saínte, seguindo a fórmula de transición entre equipos directivos que ten adoptado a entidade.

Á fronte European Optical Society, o docente ourensán abranguerá todo tipo de cuestións referidas ao funcionamento da entidade, desde a organización de actividades ata a promoción da consideración desta disciplina en todo tipo de políticas e accións europeas. “O noso obxectivo será dinamizar a actividade da sociedade, que organiza numerosos congresos específicos nos diferentes ámbitos da óptica e que conta cunha revista internacional de prestixio, e potenciar a participación das diversas sociedades estatais que a integran”, adianta Humberto Michinel.

DILATADA TRAXECTORIA

Humberto Michinel é na actualidade catedrático de Óptica na Universidade de Vigo, institución na que dirixe o grupo de investigación Óptica Física, sendo ademais director do Máster Universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser, que imparten de maneira conxunta as tres universidades galegas desde o curso 2006/2007. Ademais de ter sido membro da xunta de goberno da Sociedade Española de Óptica, cabe destacar tamén o seu nomeamento como vicepresidente da International Commission for Optics en setembro de 2011, cargo que ostenta na actualidade.

Te puede interesar
Más en Universitas