UNIVERSITAS

Unha lección práctica a pé de escano

gal1-2-_result
photo_camera O alumnado de Dirección e Xestión Pública, durante a visita ao Parlamento de Galicia.

Alumnado de Dirección e Xestión Pública visitou o Parlamento de Galicia e o Valedor do Pobo

 Amosar sobre o terreo os conceptos que o alumnado adquire nas aulas resulta sempre unha experiencia enriquecedora para a súa formación. Por iso, se o que se estuda é o funcionamento de institucións políticas como o poder lexislativo, que mellor xeito de asentar as nocións teóricas que facelo sentado nun escano? Con ese propósito precisamente, un grupo de 30 estudantes de Dirección e Xestión Pública veñen de visitar o Parlamento de Galicia, onde mantiveron un encontro con catro deputados autonómicos, previa parada na sede do Valedor do Pobo, onde dous letrados lles relataron o funcionamento dunha institución que ten como finalidade defender os dereitos da cidadanía.

Como “unha práctica activa” define o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Álvaro López Mira a actividade que este xoves o levou ata a capital de Galicia xunto cun grupo de alumnos e alumnas da materia Sistema político español e galego, que puideron ver de preto institucións que “a través da televisión semellan moi distantes”. Non en van, como engade este profesor, “non é o mesmo estudar un texto no que se explica como se constitúe o Parlamento que sentar no salón de plenos”.

Nesta sala, foron recibidos polos deputados Daniel Varela, do PP; Abel Losada, do PSdeG; Juan Manuel Fajardo, de AGE, e Tareixa Paz, do BNG, que se someteron ás preguntas dun alumnado que se amosou moi participativo.

Te puede interesar
Más en Universitas