ENERXÍA

A lexislación eólica freou os parques comunitarios en Galicia

Damián Copena creou unha base de datos para analizar o impacto socioeconómico destas instalacións no rural
 

E n poucos anos, no territorio galego instaláronse máis de 4000 aeroxeradores que supoñen máis de 3300 MW en funcionamento, convertendo a Galicia nunha potencia eólica. Pero unha análise polo miúdo deste proceso e do marco regulador da enerxía eólica en Galicia amosa que a lexislación favoreceu a instalación de parques eólicos nos montes do rural concedendo ás empresas promotoras importantes dereitos, entre os que destaca a posibilidade de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos parques. Pola contra, este marco regulador imposibilitou o desenvolvemento de parques eólicos comunitarios, figura relevante noutros lugares do mundo, e limitou enormemente a participación dos axentes locais nos procesos de planificación e de decisión. 

Esta é unhas das principais conclusións do estudo realizado polo investigador do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, Damián Copena. Na súa tese de doutoramento, dirixida polo profesor Xavier Simón, analiza os impactos socioeconómicos dos parques eólicos no mundo rural galego entre 1995 e 2014 e conclúe que o marco regulador deseñado imposibilitou a posta en marcha de parques eólicos comunitarios e non lle concedeu aos axentes rurais un papel relevante na planificación eólica e no negocio xerado a partir da venda da electricidade.

Isto condicionou os impactos socioeconómicos dos parques eólicos no mundo rural limitando as posibilidades dinamizadoras e os efectos positivos da posta en marcha das instalacións renovables. Deste xeito, o rural galego perdeu unha oportunidade de empregar o auxe da enerxía eólica como motor de crecemento dun rural que, como destaca Copena, “arrastra problemas económicos, sociais e ambientais que o fan esmorecer pouco a pouco”.

O investigador destaca como un dos aspectos máis innovadores do seu traballo a análise dos mecanismos de acceso aos terreos eólicos como a compravenda, a expropiación e o alugueiro, facendo unha estimación dos resultados económicos obtidos polos propietarios dos terreos rurais onde se instalaron as centrais eólicas.

Te puede interesar
Más en Universitas