PROXECTOS

Material didáctico sobre xénero e actividade física, unha web

20170426122330765_result
photo_camera A profesora Ana Rey, autora do material ‘O xénero nos ollos’.

O traballo, DE Ana Rey e Alba González, foi gañador do Premio Antonia Ferrín Moreiras 2016

Investigadoras da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte acaban de publicar en forma de web o material didáctico gañador da edición 2016 do Premio Antonia Ferrín Moreiras. A plataforma contén nove actividades en formato dixital interactivo e unha guía didáctica a disposición de estudantado e profesorado. O xénero nos ollos. Estratexias para educar con (e pese ás) fotografías dos materiais curriculares “ten como intención contribuír á alfabetización visual crítica con respecto a cuestións de xénero”, explica Ana Rey, autora do proxecto, xunto a Alba González, na actualidade profesora na Universidade Pontificia de Salamanca.

O material baséase na análise de preto de 10.000 fotografías publicadas en 75 libros de texto de Educación Física entre os anos 2000 e 2011, coincidindo coa vixencia da LOGSE e da LOE. O proxecto é froito dunha investigación realizada en dúas teses de doutoramento previas, unha delas da propia coautora Alba González, presentada na facultade pontevedresa, “onde se observan os estereotipos de xénero que latexan no imaxinario colectivo”, sinala Rey. A realización das actividades propostas na web, dirixidas a rapaces e rapazas a partir de dez anos de idade, revela que a representación de homes e mulleres na cultura visual está desequilibrada, posto que demostran que os homes son protagonistas do 47,3% das fotografías e as mulleres do 32,9%, algo que pon de relevo que os referentes masculinos son máis abundantes que os femininos, “sobre todo no caso destas instantáneas que están relacionadas co corpo e coas expresións motrices”, subliña a coordinadora.

A concesión deste galardón “permitiunos ter un soporte económico para poder editar este traballo e poñelo a disposición da comunidade educativa”, sinala Rey, “algo que axuda a facilitar a transferencia do coñecemento dende o ámbito académico á sociedade”. A docente sinala tamén que se trata de un recoñecemento institucional relevante para este tipo de iniciativas, “xa que os aspectos relacionados con cuestións de xénero seguen a ser subestimados por un amplo sector académico, cando menos é o que eu penso con respecto ao caso do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte”, explica, ao que engade que é “un desdén que se reflicte continuamente en desafortunados comentarios nos tribunais de traballos de fin de grao, nos discursos dos actos de graduación, nos tribunais de prazas de profesorado...”, recalca a investigadora.

Te puede interesar
Más en Universitas