UNIVERSITAS

Melloras na calidade de vida das persoas con alzhéimer

gal1-1-_result
photo_camera 20 novos profesionais para dar unha mellor calidade de vida ás persoas con alzhéimer.

Clausurouse hai uns días o curso especializado ofrecido por Afaor desde principios de ano

Segundo a segundo as cifras de persoas diagnosticadas con alzhéimer medran en España e no resto de países. A medida que a memoria dos afectados se vai borrando acrecéntanse as súas necesidades de coidados de todo tipo, desde farmacolóxicos a legais. Para dar unha resposta axeitada e integral a estes pacientes e ás súas familias, a sociedade precisa de profesionais con formación especializada neste eido. Co obxectivo de atender esta demanda, nos últimos anos vense celebrando no campus de Ourense un curso especializado neste eido, curso que vén de clausurar este venres a súa terceira edición.

O Curso de Intervención Socioeducativa con Persoas Afectadas de Alzhéimer é unha iniciativa da Asociación de Alzhéimer de Ourense Afaor, que conta co apoio da Fundación Dorzán, a Vicerreitoría do campus e a Facultade de Ciencias da Educación ourensá. No seu acto de clausura e entrega de diplomas participou este venres Antonio Fernández, secretario da Facultade de Ciencias da Educación; Juan Ramón Álvarez, presidente da Fundación Dorzán, e Juan Claudio Cid, membro da Xunta Directiva da Asociación de Alzhéimer de Ourense AFAOR.

Pola boa acollida do curso e pola calidade e utilidade da formación impartida, os promotores e colaboradores da iniciativa amosaron o seu desexo de continuar celebrando o vindeiro curso universitario esta actividade, propoñendo tamén a posibilidade de pór en marcha un segundo nivel de especialización para, paso a paso, ir perfeccionando a formación dos profesionais que traballan ou queren traballar coas persoas que padecen alzhéimer.

Te puede interesar
Más en Universitas