CAMPUS OURENSE

É o momento de facer visible o acoso sexual

20161129145841218_result
photo_camera Yolanda Rodríguez, María Lameiras e Maríaa Victoria Carrera, as directoras do estudo encargado pola Unidade de Igualdade.

Unha enquisa preguntará a 1.650 estudantes, 350 PDI e 300 PAS sobre o tema

Obter unha radiografía da realidade do acoso sexual, por razón de sexo e orientación sexual na Universidade de Vigo co obxectivo último de previr e erradicar estes comportamentos na institución académica. Con estes obxectivos comeza a desenvolverse a vindeira semana un estudo pioneiro, encargado pola Unidade de Igualdade ao Grupo de Investigación en Sexualidade, Xénero e Saúde, que, entre outras cuestións, abordará a realización dunha enquisa a máis de 2000 membros dos diferentes colectivos que conforman a comunidade universitaria, tanto alumnado como persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos. “O acoso é unha realidade á que non podemos vivir de costas. Isto existe. Polo tanto, hai que traballar para previlo e para combatelo coas estratexias máis eficaces posibles”, destaca a investigadora María Lameiras.


Segundo explica Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade, a elaboración deste informe, que se realiza coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo e do Tribunal de Garantías, responde á acción 4.3.2 do II Plan de igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo 2016/19 de “realizar un estudo sobre violencia e acoso por razón de sexo ou de xénero” nesta institución académica. Coa investigación que se levará a cabo, engade, a Universidade “aposta por enfrontarse a este tipo de violencias e afianza o seu compromiso de tolerancia cero con calquera tipo de acoso baseado no sexo ou xénero, compromiso que xa iniciou coa aprobación do Protocolo marco de actuación para a prevención e sanción do acoso sexual e por razón de sexo”.

No ámbito universitario, advirte a responsable da Unidade de Igualdade, “reprodúcense os mesmos comportamentos que no resto da sociedade, non somos lugares illados, impermeables ás situacións de acoso e violencia”, polo que destaca a pertinencia de levar a cabo esta iniciativa.

Te puede interesar
Más en Universitas