UNIVERSITAS

Niños Mutantes abre con forza a programación cultural

_g1_result
photo_camera Niños Mutantes.

Sinsal Anecoico, Sonora, Miteu e cine en versión orixinal completan a oferta de primavera.

Son unhas das bandas máis consolidadas do panorama indie español e hoxe chegan a Vigo para presentar no sur de Galicia o seu último traballo, El futuro (Ernie Producciones, 2014), un concerto co que a Universidade estrea a programación cultural de primavera, todo un conxunto de actividades gratuítas e abertas a toda a cidadanía que encherán de música, teatro e cine os meses de marzo, abril e maio. A aposta máis forte será este ano a oferta musical, co regreso dos concertos na cámara anecoica e unha nova edición do ciclo Sonora, mentres que no teatro as actuacións concentraranse na Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, actividades ás que este ano se sumará un ciclo de cine e lingua con películas en versión orixinal.

A visita ao campus de Niños Mutantes, habituais nas citas musicais máis importantes de España desde que en 1999 pisaran o escenario principal do Festival de Benicassim, achegará ao público da contorna viguesa as cancións dun álbum co que o grupo composto por Juan Alberto Martínez, Nani Castañeda, Miguel Haro e Manolo Requena evoca os sons dos 80, década da que extraen moitas das súas influencias, pero sen deixar de mirar cara ao power pop. Gravado na Alpujarra e producido por Ricky Falkner, El futuro, foi elixido un dos mellores álbums nacionais do pasado ano e, tras a cancelación por motivos climatolóxicos do seu concerto no Festival Port América de Nigrán o verán pasado, aínda non tiveran a oportunidade de presentalo ao público de Pontevedra e Ourense.

Te puede interesar
Más en Universitas