UNIVERSITAS

As novas tecnoloxías mudaron a relación xornal-lector

g1-2-_result
photo_camera A investigadora Laura Juan.

A investigadora Laura Juan analizou o fenómeno do “xornalismo cidadán” na súa tese

Tradicionalmente, a participación da cidadanía nun xornal víase limitada á sección de cartas ao director. Mais a expansión do uso de internet, os avances tecnolóxicos e a creación de “redaccións multimedia” motivaron un cambio no mundo do xornalismo, no que “o lector xa non é un mero receptor da noticia, senón que tamén pode intervir nela”, como sinala Laura Juan. Na súa tese de doutoramento en Comunicación, esta investigadora afonda na idea do “xornalismo cidadán”, aquel sustentado na participación dos lectores, que “se converten en protagonistas”, un proceso que, sostén, en España se viu acrecentado nos últimos anos pola situación económica. “A crise incrementou o interese dos medios por atraer ao seu público, de tal xeito que a súa colaboración fíxose máis patente, tanto nos diarios como nos medios audiovisuais”, apunta Juan Doallo, que centrou a súa investigación no xornal gratuíto 20 Minutos.

“Por xornalismo cidadán entendo o intercambio de información entre o público e o medio, un diálogo no que o lector completa a información, pero non substitúe ao xornalista”, relata a investigadora, que considera que “as distancias entre os medios e o seu público acurtáronse no século XXI”. Isto podería ter motivado "que quizais non se soubese entender o sentido crítico ao que obriga esta profesión”. Para a súa tese, dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Aurora García, esta investigadora afondou na evolución ao longo da historia da participación dos lectores e lectoras nos xornais, “que pasou de ter nas cartas o seu espazo orixinario a dispararse coas novas tecnoloxías e a consecuente evolución das necesidades dos medios”.

Creáronse, “grazas á converxencia mediática, reaccións multimedia e os lectores convertéronse en protagonistas”, algo que ao seu xuízo puido contribuír “a crise de moitos diarios, sobre todo impresos”. Non en van, para Juan Doallo, as novas tecnoloxías trouxeron consigo diferentes “ameazas á profesionalidade xornalística, como a velocidade do traballo ou as irrupcións publicitarias”, mais tamén o feito de que “quizais non se soubo entender que se ben o público pode colaborar, non pode substituír ao xornalista á hora de elaborar unha noticia”. Neste senso, a investigadora subliña que o feito de que os avances tecnolóxicos fixesen posible un maior “intercambio entre público e xornalista, fai imprescindible un sentido crítico para establecer claras diferenzas entre cidadán e xornalista”. Se isto é así, conclúe, “o xornalismo cidadán non fará desaparecer a profesión, aínda pero si modificará o xeito de traballar”.

Para a súa tese O xornalismo cidadán na prensa: o caso de 20 Minutos, Juan Doallo analizou a participación dos lectores neste diario ao longo dos anos. Concretamente estudou os 1.480 números que se publicaron da súa edición de Vigo, desde a súa aparición en 2005 ata o seu peche en 2012. n

Te puede interesar
Más en Universitas