UNIVERSITAS

Outros mundos, sen patriarcado e sen binomio home/muller

Unha web ofrece unha viaxe transcultural polo xénero e a sexualidade en diferentes comunidades

Unha das imaxes que se poden atopar na web.
Unha das imaxes que se poden atopar na web.
Outros mundos, sen patriarcado e sen binomio home/muller

Nin o patriarcado nin o binomio home/muller son universais. Outras formas de sociedade, con outras clasificacións de xénero e de sexualidades, son posibles e basta unha ollada a culturas da contorna para comprobalo. Para visibilizar esta diversidade, un grupo dirixido pola socióloga Águeda Gómez vén de publicar unha web na que se propón unha viaxe transcultural polo xénero e a sexualidade en diferentes comunidades e se pon a disposición do persoal docente unha unidade didáctica que permite deconstruír a visión “naturalizada” e dominante existente na sociedade occidental contemporánea.


Baixo o título Etnicsexualidade. Investigación en grupos étnicos e sexualidade, a páxina web recompila os froitos do traballo realizado ao longo de máis dunha década pola docente da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Águeda Gómez con especialistas como a antropóloga mexicana Marinella Miano, xa falecida; a investigadora Silvia Pérez, que colaborou no estudo sobre os clientes da prostitución en España; o docente de Comunicación Audiovisual Xaime Fandiño, a docente de Economía Aplicada Rosa María Verdugo e o enxeñeiro agrónomo Alejandro Nuricumbo.

Todo o material exposto, explica a responsable do proxecto, permite ver como “o sistema sexo/xénero dunha sociedade non obedece a unha orde natural dada, senón que é un produto sociocultural e, polo iso, temporal e cambiante. Son deseños culturais de carácter arbitrario, que responden a relacións históricas e sociais, de poder e de control social, que non derivan unicamente da “natureza” sexual dos seres humanos”.