UNIVERSITAS

A paixón por aprender non entende de idades na Universidade

_g1-2-_result
photo_camera Fernández, Pascual e Magariños, xunto ao director do programa en Pontevedra, José María Gil.

Preto de trinta persoas maiores de 55 anos fórmanse no campus de Pontevedra grazas ao Programa para Maiores

Pura paixón por aprender, por saber máis e manterse activos. Iso é o que define aos preto de 30 alumnos e alumnas maiores de 55 aos que no presente curso participan no campus no Programa para Maiores da Aulas de Formación Aberta da Universidade, unha iniciativa que, a pesares de non contar coa demanda doutros campus, si está a lograr “un alto grao de satisfacción entre un alumnado moi traballador, moi estudoso e moi participativo”, como destaca o seu coordinador en Pontevedra, José María Gil. Non en van, a maioría son persoas xubiladas, que non acoden a clase “por obriga, nin coa idea de que lles sirva para atopar traballo, senón por pracer”, como salienta Rubén Pascual, un dos alumnos que traballa nestas semanas por volver a poñer en funcionamento a asociación de estudantes sénior do campus.
“Cando propós na clase ler un texto para comentalo ao día seguinte, un alumno 'normal' o que faría é botarlle unha ollada, pero eles non, eles estúdano, documéntase...”, destaca Gil dos participantes nunha iniciativa para que o único requisito é ter 55 anos ou máis e para a que non se precisan nin títulos nin coñecementos previos, só gañas de aprender. “A maioría non foron universitarios, polo que para eles é unha forma de manterse activos e aprender”, apunta o director no campus deste programa da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, que no seu Ciclo Intensivo propón a posibilidade de formarse, en tres cursos, en xeografía, filosofía, historia, literatura, fotografía ou informática.

Te puede interesar
Más en Universitas