UNIVERSITAS

Un parásito ameaza ós sapoconchos galegos

gal2_result
photo_camera O investigador Raúl Iglesias, profesor de Parasitoloxía do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, cunha imaxe do parasito no monitor.

Investigadores da Universidade analizaron o estado da infección, introducida por unha especie invasora, nas tres poboacións que quedan en Galicia

O sapoconcho común é unha especie en perigo de extinción en Galicia dende 2007. As súas principais ameazas son a perda de hábitat, o pequeno tamaño das poboacións e a presenza de especies exóticas invasoras (EEI). Neste senso, a liberación dos sapoconchos exóticos mantidos como mascotas, como o de Florida, provoca efectos negativos, pero non só porque compiten coa poboación autóctona polos recursos, senón que tamén son o vínculo a través do que se introduciu un parasito que provoca un alto índice de mortalidade entre os espécimes galegos. En consecuencia, estas especies poderían confirmarse como unha das principais ameazas dos sapoconchos galegos se seguen a introducirse nos hábitats do país ao comercializarse como mascotas e posteriormente seren abandonados.
Un grupo de traballo composto por investigadores do grupo de Parasitoloxía, do EcoEvo Lab, da Asociación Herpetolóxica Española e do Vigozoo, foi o encargado de realizar un estudo financiado pola Xunta de Galicia para coñecer o estado da infección provocada polo parasito nas tres poboacións naturais de sapoconcho común que quedan en Galicia: Gándaras de Budiño e as ribeiras dos ríos Avia e Arnoia, ademais da poboación introducida no Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo. Os resultados veñen de ser publicados na revista Diseases of Aquatic Organisms e confirman a presenza de adultos e ovos do parasito Spirorchis elegans no organismo dos sapoconchos galegos e este achado, como explica Raúl Iglesias, profesor de Parasitoloxía do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, “é especialmente relevante porque é a primeira vez que este patóxeno, de distribución americana, se descubre en sapoconchos europeos, causando ademais unha importante mortalidade”.

250 exemplares en Galicia
O sapoconcho común foi catalogado no ano 2007 como unha especie en perigo de extinción en Galicia, o que levou á Consellería de Medio Ambiente a establecer un Plan de recuperación específico para este animal no ano 2013. Actualmente, a estimación é de “arredor de 250 exemplares repartidos nos núcleos dos ríos Louro, Avia e Arnoia”, lembra o investigador César Ayres.
O Plan de Recuperación específico para o Emys orbicularis pretende garantir a supervivencia das poboacións de esta especie existentes no noso territorio así como a súa reintroducción noutros hábitats potenciais de Galicia. As actuacións deste plan van dirixidas non só á protección e recuperación do hábitat natural do  animal senón tamén ao desenvolvemento de medidas para mitigar o impacto das especies exóticas invasoras. Os investigadores destacan ademais que non é a primeira vez que detectan que estas especies invasoras introducen en Galicia un parasito de orixe americana. “En 2006 publicamos o achado dun coccidio intestinal proveniente deste continente que, afortunadamente, ata agora non causou efectos patóxenos importantes sobre o noso sapoconcho”. Acaba de saír publicado outro artigo en Francia onde se demostra a transmisión doutro tipo de helminto, diferente ao Spirorchis, dos sapoconchos americanos á especie europea Mauremys leprosa.
Os investigadores propoñen ademais outras medidas ás administración para atallar o problema, que pasan por desenvolver técnicas de diagnose precoz para poder tratar aos sapoconchos infectados antes de que os ovos do parasito comecen a xerar patoloxía e a saír nas feces. Tamén, apostan por implementar medidas para restrinxir a venda de sapoconchos exóticos e informar dos riscos asociados á liberación deste tipo de mascotas.

Te puede interesar
Más en Universitas