UNIVERSITAS

Pasando a páxina da escola franquista

uni7B_result
photo_camera Yolanda Nóvoa e Ana Dios, coordinadoras nesta ocasión do recuncho da Biblioteca.

O recuncho temático da Biblioteca está dedicado ao sistema educativo no réxime

nnn Vivimos nun estado democrático cuxos valores, como os de liberdade, igualdade e respecto aos dereitos fundamentais, se trasladan tamén ao seu sistema educativo. Porén, non sempre foi así e boa parte da poboación española coñeceu outro modelo de ensino, o desenvolvido ao longo do réxime de Franco. O novo recuncho temático da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourenes está dedicado a esa escola franquista e a todo o que a envolveu. A través dunha selección dos fondos bibliográficos do centro, as técnicas achegan aos usuarios algúns dos capítulos máis representativos desa época, desde a represión dos mestres ata os exercicios espirituais.

O recuncho está situado na entrada do centro e conta cunha ambientación acorde coa súa temática. Grazas ao material cedido para a ocasión polo Museo Pedagóxico da Facultade de Ciencias da Educación do campus, o espazo recrea a escola desa época, co seu pupitre de madeira, o seu crucifixo, a imaxe de Franco, a mariola e outra serie de detalles.

“A idea deste recuncho xurdiu porque consideramos que é moi importante coñecer a historia para aprender dela e non cometer os mesmos erros. Como institución académica temos a obriga de coñecer o pasado recente do noso sistema educativo”, apunta Yolanda Nóvoa, técnica especialista da Biblioteca Rosalía de Castro e encargada xunto a Ana Dios de coordinar nesta ocasión a posta en marcha do recuncho. No espazo deseñado, subliña Nóvoa, poden verse as características da escola franquista, "controlada polo réxime, represariada e sen as liberdades da escola actual".

Te puede interesar
Más en Universitas