EXPOSICIÓN

O Pergamiño Vindel será exposto no Museo Marco de Vigo

A Universidade logra este obxectivo tras un ano de negociacións co museo neoiorquino

Despois de corenta anos no Morgan Library Museum de Nova York o Pergamiño Vindel regresará a Vigo. A obra, de finais do século XIII ou principios do XIV, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax, volverá á contorna que lle serviu de inspiración ao trobador galego, despois que o museo propietario do pergamiño atendese a petición da Universidade de Vigo para permitir a súa exhibición na cidade. Atrás queda máis dun ano de negociacións entre os responsables do Morgan Library Museum e a institución académica viguesa, que fixo súa a suxestión da catedrática do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Camiño Noia, a quen os integrantes da asociación cultural viguesa Pertenza trasladaron, tras unha viaxe a Nova York para visitar a obra de Martín Códax, o seu desexo de que o Pergamiño Vindel puidese ser exposto na cidade olívica. Noia expuxo esta posibilidade ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que iniciou as negociacións co Morgan Library Museum para acadar algo que ata entón nunca ocorrera, a saída do pergamiño do museo do que é propiedade desde a década de 1970. 

O proceso de negociación prolongouse durante meses nos que a institución académica tivo que atender as demandas do Morgan para permitir o préstamo da que, xunto ao Códice Calixtino, está considerada como unha das xoias antigas manuscritas máis valiosas de Galicia. O museo propietario do pergamiño estableceu como primeira condición para permitir a exhibición da obra fóra das súas instalacións que o préstamo se realizase a unha institución académica e a partir de aí estableceu unha serie de esixencias loxísticas sobre o lugar de exposición do cancioneiro, relativas tanto a medidas de seguridade, como de contextualización da mostra. Co apoio do Concello de Vigo, a Universidade propuxo como lugar de exhibición o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Marco, no que se organizaría unha exposición coa obra de Martín Códax como núcleo central. Así naceu Os Tesouros de Cidade, a mostra que do 6 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018 traerá a Vigo o Pergamiño Vindel, que será o gran protagonista dunha mostra que se complementará con diversos eventos culturais e académicos, como seminarios, concertos e publicacións.

40 anos en Nova York
Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada de soubo da obra de Martín Codax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O descubridor pronto deu conta do achado nun artigo titulado Las siete canciones de la enamorada, poema musical por Martín Códax, publicado na revista Arte Español. 

O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.

Te puede interesar
Más en Universitas