UNIVERSITAS

Unha pinga de 'ouro azul' para homenaxear a auga

gal1_result
photo_camera Monteiro doou unha escultura súa á Facultade de Ciencias e ao Campus da Auga.

Toño Monteiro doou unha escultura súa á Facultade de Ciencias e está ubicada na entrada do Edificio Politécnico

A auga é fundamental para a vida. A pesar de ser un ben que forma parte da nosa existencia cotiá e que polo tanto non valoramos na súa medida, é o auténtico “ouro azul”. Con esta idea na mente e co obxectivo de contribuír a concienciar á xente sobre a súa relevancia, o artista Toño Monteiro vén de doar á Facultade de Ciencias do campus de Ourense e ao seu Campus da Auga unha das súas obras, unha pinga de “ouro azul” que desde este martes está situada na entrada do Edificio Politécnico.


Monteiro entregou a peza a Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias do campus, nun acto no que tamén estiveron Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, centro que tamén está situado no Edificio Politécnico, e membros do equipo decanal de Ciencias. “A obra eu declároa como unha pinga que quere ser unha homenaxe a ese elemento tan natural e necesario como é a auga.


A obra doada trátase dunha magnífica peza elaborada con madeira de cedro de 2.40 metros de altura con incrustacións de latón, que brillan nela como se fosen ouro, intentado reflectir así a idea de que a auga é o “ouro azul”, un elemento de gran riqueza e calidade”, comentou o creador no acto de entrega. A escultura formou parte da mostra do artista Sentir a madeira e é maqueta dunha peza maior que o escultor está proxectando realizar.

Te puede interesar
Más en Universitas