LITERATURA

Premios que dan alento a novos talentos da literatura galega

A entrega dos galardóns de poesía, relato curto e tradución literaria será hoxe no campus de Ourense

Premios que dan alento a novos talentos da literatura galega

Son unha mostra dos novos talentos que están a xurdir na literatura galega, gromos novos e sempre necesarios para manter o vigor das letras escritas no idioma de Galicia. A Universidade entregará durante a xornada de hoxe os Premios de poesía, relato curto e tradución 2016 a Arancha Nogueira, Xosé Sobral e Luisa Iglesias, tres integrantes da comunidade universitaria que, desde ángulos moi distintos, comparten o seu gusto e aprecio polas letras e a lingua.

A cita será hoxe, a partir das 19.00 horas na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do campus de Ourense e xunto a eles recollerán tamén os seus diplomas os seis autores dos traballos recoñecidos nas distintas categorías con cadanseu accésit. É o mellor dunha colleita composta por preto de medio cento de pezas, entre os que destacan poemarios, relatos e traducións (tanto do inglés como do castelán, francés, hebreo e xaponés).

“Este premio supón a satisfacción de que se sigan convocando concursos literarios en galego, e poder formar parte deles (do xeito que sexa) non só é necesario senón imprescindíbel”, salienta a gañadora da categoría de poesía. “No meu caso é sobre todo alento para seguir escribindo, unha sinal que indica que o resultado das horas de escritura pagan a pena”, engade Xosé Sobral, gañador da categoría de relato curto.n