Reboreda encabeza a candidatura ao decanato de Historia

gal01-2-_result
photo_camera Susana Reboreda lidera un proxecto de continuidade.

Lidera un proxecto de continuidade que terá como principal reto o aumento de matriculados

Susana Reboreda, profesora titular de Historia Antiga, encabeza a única candidatura provisional que se presentou ao decanato da Facultade De Historia do campus de Ourense, que celebrará eleccións o vindeiro martes 16 de decembro. Deste xeito, de saír elixida Reboreda relevaría no cargo a Beatriz Comendador, que pasaría a ocupar o posto de vicedecana. A secretaría estaría ocupada por María del Carmen Arribas. “Trátase dunha candidatura de continuidade, con practicamente o mesmo equipo e a mesma liña de traballo a seguir”, subliñou Reboreda, que xa foi decana da facultade nunha etapa anterior.

Nesta proposta aínda provisional ata o 15 de decembro, Beatriz Comendador seguiría achegando a súa experiencia pero dende outro cargo para poder afrontar a coordinación dos mestrados e outras tarefas docentes que ten por diante, ademais de descansar un pouco tras "o importante esforzo que fixemos o curso pasado na facultade coa renovación de todas as titulacións. Como vicedecana poderei achegar moito tamén, que nos tempos que corren todos temos que arrimar o hombro".

Este equipo de traballo ten claras as súas prioridades. A primeira cuestión a que lle quererían facer fronte no caso de ocupar o decanato sería o tema da matriculación, xa que a titulación non chegou ao mínimo de 45 alumnos e alumnas marcado pola Xunta de Galicia. O seu plan estratéxico pasa por fomentar e “fortalecer” a modalidade semipresencial do grao, como describe Reboredo, “algo diferente, novo, dirixido a un nicho de estudantado que ata agora non tiñamos".

Te puede interesar
Más en Universitas