UNIVERSITAS

Reivindicando o discurso do artista a pé de rúa

gal4_result
photo_camera Unha das comisarias colocando os carteis.

Tres alumnas de BBAA enchen as rúas de carteis que recollen as verbas de 39 creadores

Queríamos darlle a oportunidade ao artista de comunicarse co público directamente, sacar a arte a rúa”, apunta Rebeca López, promotora, xunto con Andrea Domínguez e Azalea Santiago, do proxecto Palabra de Artista. Esta iniciativa, nacida como “unha reivindicación do discurso" dos creadores e creadoras, encheu a finais de decembro Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Marín das verbas de 39 artistas, convertidas nos carteis que se podían atopar en diferentes puntos. Segundo relatan as súas impulsoras, a “boa resposta” que obtivo esta iniciativa levounas a tomar a decisión de volver encher as rúas de palabras este pasado luns.

Dun sinxelo “sorrí” a un “non obedezas ningunha orde, incluída esta”, pasando por “buscades bágoas nun océano de lume”, as 39 frases que estas tres alumnas de Belas Artes reproduciron sobre un cartel de fondo negro responden a unha ampla gama de motivacións. Non en van, como explica López, “queríamos que cada artista puidese dicir o que quixese”, polo que non houbo ningún tipo de orientación nin de selección previa das propostas recibidas. O obxectivo final do proxecto que estas tres alumnas puxeron en marcha como un traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte Xosé Manuel Buxán, non era outro que darlle voz aos creadores. “Tratábase dunha iniciativa totalmente aberta, non queríamos fixar ningún tema nin condición, parecíanos que era máis interesante que non houbera un criterio definido”, explica esta estudante. Dese xeito, os 39 artistas, na meirande parte estudantes ou titulados en Belas Artes, que se sumaron á iniciativa convertéronse nos autores das 39 frases que as tres responsables desta proxecto trasladaron á rúa hai unhas semanas.

O pasado 21 de decembro, López, Domínguez e Santiago colgaron un total de 129 carteis en Vigo, Pontevedra, Marín e Vilagarcía de Arousa, algo que volveron facer o luns, aínda que, recoñecen, “nós non quitamos ningunha, polo que algúns dos carteis aínda seguen colgados”. Segundo explica López, a súa idea era trasladar ás palabras dos artistas a espazos concorridos do casco urbano, aínda que, loxicamente, a súa pegada estaba limitada “a onde podíamos colocar carteis sen que nos fose a caer unha multa”, admite esta estudante. Do mesmo xeito, buscaron tamén “que algunhas das frases estivesen relacionadas co lugar no que estaban situadas. Por exemplo, unha que falaba de esquecemento colocámola en casas abandonadas, mentres que outra que falaba de présas, puxémola preto de estacións de tren e de autobús”, relata. Todo iso, ao longo dunha xornada de pegada de carteis na que, en máis dunha ocasión, eran interrompidas polos transeúntes interesados en coñecer que era o que estaban a facer.

Te puede interesar
Más en Universitas