Segundo un estudo, o ecosistema recupérase co paso dos anos

A construción dunha minicentral hidroeléctrica non ten consecuencias irreversibles para os ríos

O seu emprazamento nas canles fluviais, en áreas de alto valor ecolóxico, fai que a construción de minicentrais hidroeléctricas, aquelas que se empregan para a produción de enerxía a pequena escala aproveitando a forza da auga, “xere sempre certa controversia”, como recoñece a investigadora da Escola de Enxeñaría Forestal, Xana Álvarez. Non obstante, explica, “a pesares de que a súa construción si causa uns efectos adversos no ecosistema, os danos que produce non son irreparables, senón que co paso dos anos e a evolución natural do ecosistema, todo volve a normalidade”, segundo constatou un estudo realizado por investigadores deste centro.

Que as centrais hidroeléctricas “non inflúen de maneira significativa nun ecosistema fluvial” é a principal conclusión do traballo levado a cabo no río Mandeo por investigadores do grupo AF-4, que analizaron a evolución da calidade físico-química e biolóxica da auga para comprobar que, tras verse “alterados temporalmente, os valores estabilízanse co paso dos anos”, relata Álvarez. As conclusións desta análise, realizada ao longo de tres anos, foron presentadas o pasado ano por esta investigadora no congreso que o European Center of Sustainable Development celebrou en Roma e posteriormente publicadas no European Journal of Sustainable Development, nun artigo asinado polos profesores Enrique Valero e Juan Picos e a propia Álvarez.

Te puede interesar
Más en Universitas