UNIVERSITAS

Telecomunicacións exporta a Filoloxía e Tradución o seu plan de titorización

Os resultados académicos amosan un maior índice de aprobados entre o novo alumnado mentorizado

 Arrancou a formación para 28 novos mentores que serán os que acompañen aos estudantes de novo ingreso do curso 2015-2016 en Enxeñaría de Telecomunicación e, por primeira vez, no grao de Linguas Estranxeiras. O programa de titorización MEET-Teleco, que inicia a súa terceira edición, esténdese así á Facultade de Filoloxía e Tradución coa vista posta na posibilidade de institucionalizalo en todos os centros da Universidade de Vigo. O obxectivo é que os e as estudantes de 3º e 4º curso se formen en competencias transversais para convertese en mentores dos estudantes novos o vindeiro curso, os ‘mentees’. As dúas primeiras edicións deixaron resultados moi satisfactorios, tanto no número de voluntarios, como no impacto no rendemento académico do alumnado.

Artemio Mojón, coordinador del Plan de Acción Titorial (PAT) da EE de Telecomunicación explica que nesta edición participan 16 estudantes do seu centro e 12 de Filoloxía e Tradución pero “outras tantas solicitudes quedaron fóra porque non temos recursos para formalos a todos”. Pero ademais da aceptación, o profesor destaca tamén o impacto deste programa a nivel académico xa que a análise das notas no curso 2013-2014 amosa que “existe un número máis alto de materias aprobadas entre os estudantes de primeiro que participan no programa e contan cun titor, que entre os que non participan”. Agora están pendentes de realizar o mesmo estudo para o curso actual, unha vez rematen os exames do segundo cuadrimestre, aínda que os datos do primeiro cuadrimestre “amosan a mesma liña de aumento do rendemento”.


No tocante a Filoloxía e Tradución, Rosa Pérez, a decana, explica que en principio se implantará no grao de Linguas Estranxeiras e o coordinador do PAT en Telecomunicación explica que o entendemento foi inmediato entre ambos centros. "Estamos totalmente convencidos de que nesta fase de formación, precisamente pola transversalidade das temáticas, a mestura de «enxeñeiros con humanistas» suporá un enriquecemento mutuo adicional”.

Formación como titores
Coas clases xa rematadas, inícianse as dúas primeiras semanas de formación para os novos 28 mentores e mentoras, aos que hai que sumar outra ducia que como explica Artemio Mojón “xa son veteranos de edicións previas” e seguirán participando no programa o vindeiro curso. Tras ser recibidos polo director da EET, Íñigo Cuíñas, e a decana da FFT, Rosa Pérez, os estudantes comezaron o primeiro módulo, no que ser formarán en intelixencia emocional, autocoñecemento, liderado, técnicas de estudo, xestión do tempo, etc. A comezos do vindeiro curso haberá un bloque centrado na comunicación e un especificamente orientado á mentoría.


Precisamente, a formación neste tipo de campos é o que atrae e moitos dos futuros mentores. Un deles é José E. Domínguez, que comezará o vindeiro curso 4º de Enxeñaría de Telecomunicación. Cando entrou na Universidade este programa de mentorización non existía, e precisamente por iso é polo que se decidiu a prestar a súa axuda. “Eu entrei só, sen ningún compañeiro do meu instituto, e poder contar cun mentor tería sido de moita axuda”, destaca e, “ademais en 4º teremos menos carga lectiva e iso permitirame poder dedicarlle máis tempo a este programa”.

Polo que coñece do MEET-Teleco e pola súa propia experiencia, destaca a necesidade de orientación e aposta por “axudar aos compañeiros coas dúbidas que teñan, aconsellalos sobre determinadas materias, a planificarse, etc.”. Carmen González e Sandra Núñez son dúas estudantes de Filoloxía e Tradución que tamén se animaron a formarse como mentoras. “Escoitamos falar moi ben do programa e estamos convencidas de que ademais de axudar a outros tamén nos pode servir para o noso día a día, para o desenvolvemento persoal e para o futuro laboral, xa que nos achegaremos a temas como o liderado, motivación e autoestima”, destacan.


Ana Sanjúan é a experta que se encarga da primeira parte da formación e leva colaborando co programa dende a primeira edición. Destaca tres piares básicos para ser un bo mentor: a comunicación, o liderado e a empatía e fai fincapé no enorme cambio que se produce nos estudantes dende que comezan coa formación ata que a rematan, a principios do seguinte curso. “Están moi implicados, máis soltos e comprometidos coa iniciativa, con axudar pero tamén con formarse, porque estas habilidades transversais que adquiren tamén lle serán de utilidade no seu futuro profesional, que son conscientes que está á volta da esquina”.

Te puede interesar
Más en Universitas