CONGRESO

Traducción pide maior proxección para unha profesión "invisible"

20161004132548546_result
photo_camera O congreso celebrouse durante dous días, no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Un congreso organizado polo grupo Bitagra, reúne especialistas de referencia internacional

Chanzo invisible entre linguas e culturas, profesionais capaces de conectar realidades afastadas que nada teñen que ver entre si. O seu labor consiste en trasladar mensaxes dun idioma a outro e facelo sen que o receptor final sexa consciente dese proceso de transformación. Canto máis invisible sexa o seu traballo mellor. Son as tradutoras e tradutores que, día a día, fan posible a comunicación entre culturas e, pese a esa invisibilidade propia da súa profesión, coincidindo co Día Mundial da Tradución e co aniversario dos 25 anos da chegada a Vigo destes estudos, celebrouse un congreso no que, ademais de fortalecer o intercambio científico entre investigadores, poder visibilizar e darlle unha maior   proxección a esta profesión.

Organizado polo grupo de investigación Bitraga (Biblioteca da Tradución Galega), o congreso arrancou o pasado xoves, no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución e prolongouse ata o venres e nel participaron, tanto conferenciantes como membros do comité científico, expertas e expertos que levan anos traballando en Tradución e Interpretación, “profesionais que son referencia internacional de impacto, tal e como se demostra no seu currículo, e que colaboran habitualmente co noso grupo de investigación”, explicou a profesora Ana Luna, investigadora principal de Bitraga, que estivo acompañada na inauguración do encontro pola secretaria xeral da Universidade, Gloria Pena, e a directora do Departamento de Tradución e Lingüística, Elena Sánchez Trigo, que fixeron tamén fincapé no “traballo ímprobo que fan os tradutores e que a todas luces ten que ser recoñecido”.


“Despois de varios anos investigando en tradución literaria en Galicia, tanto desde o punto de vista da importación como da exportación, na elaboración do noso Catálogo da Tradución Galega, parecíanos moi interesante contrastar a nosa experiencia con outros espazos e outros grupos”, explicou a profesora Iolanda Galanes, que, xunto a Áurea Fernández e Silvia Montero, completan o núcleo básico do grupo Bitraga.


Para acadalo convidaron a participar nas diferentes sesións de exposicións e debate a investigadoras e investigadores “que dispoñen das ferramentas precisas para analizar os circuítos e os fluxos de tradución xerados nos principais campos literarios dentro do marco peninsular”, explicou Ana Luna. É o caso de Teresa Seruya, encargada de impartir a conferencia inaugural, e que dirixe a elaboración dun catálogo de traducións en Portugal, ou de Laura Tato, da Universidade da Coruña, iniciadora da Biblioteca Virtual Galega.

Te puede interesar
Más en Universitas