FÓRMULA 1

Últimos detalles do deseño do monopraza do UVigo Mostorsport

20161130110016593_result
photo_camera Visita do equipo Uvigo Motorsport ao Formula UEM, competición organizada pola Universidade Europea de Madrid.

O motor e a aerodinámica, principais elementos a mellorar no vehículo

Os vinte e oito alumnos e alumnas que forman parte do equipo de UVigo Motorsport xa están a traballar a pleno rendemento. A primeira e única agrupación galega que participa na competición internacional Formula Student atópase finalizando a fase de deseño do monopraza co que este ano participarán nos circuítos de Montmelo e Hockenheim, “o máis prestixioso e ao que todas as universidades do mundo queren acudir”, segundo Pedro Cuesta, responsable de Marketing e Comunicación do equipo.


Para esta tempada, o equipo integrado por alumnas e alumnos da Escola de Enxeñería Industrial e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas xa ten os planos do novo vehículo, ainda que non son os definitivos “xa que sempre hai detalles que modificar”, pero traballan para telos rematados este mes confirma. “Esta tempada non teremos avances tan pronunciados como na pasada. O máis significativo será o motor” explica Cuesta, que sinala que deixan de lado o Aprilia SXV de 450cc para pasar a un Kawasaki ER6 de 650cc, co obxectivo de acadar máis potencia e fiabilidade na competición. As e os integrantes do equipo tamén traballan en conseguir melloras substanciais na aerodinámica do monopraza, así como no seu sistema electrónico e dinámico.


Os vinte e oito estudantes que conforman o grupo cursan estudos na Escola de Enxeñería Industrial e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas. “Comezamos dezasete membros e para a presente tempada sumamos a once novos compañeiros“, explica Cuesta. Para formar parte do equipo os interesados tiveron que cubrir un formulario, que se atopaba na súa páxina web, e o único requisito indispensable era ser estudante actual da Escola de Enxeñería Industrial, de Telecomunicación ou da ETS de Enxeñaría de Minas. Logo, as persoas interesadas pasaron unha entrevista na que se valoraba a experiencia previa en ámbitos relacionados co motor pero, sobre todo, a predisposición e as ganas de aprender e traballar no proxecto.


O novo equipo de UVigo Motorsport traballa de maneira autónoma, sen supervisión de docentes. “Organizámonos semanalmente mediante reunións xerais e técnicas para distribuír o traballo e avanzar, respectando sempre os horarios de clases e o traballo que levamos das aulas para a casa” salienta Pedro Cuesta. Confesa que traballan cun sistema de OKR (obxectivos e resultados clave) usado por Google e ademais teñen instaurado un sistema de traspaso de coñecemento, no que pasan primeiro por un ano de formación e logo por un segundo de ensino, polo que inda que cada ano buscan sumar caras novas están “nunha constante aprendizaxe” matiza Cuesta.

Te puede interesar
Más en Universitas