A Universidade entrega á Armada un radar

Deseñado por investigadores da EE de Telecomunicación detecta a vulnerabilidade de barcos, submarinos e avións

A Universidade entrega á Armada un radar

nnnTras varios anos de colaboración, intensificada no último ano e medio, a Universidade de Vigo entregou este mes á Armada un radar capaz de detectar a vulnerabilidade de barcos, submarinos e avións ante ameazas externas e que facilita a adopción de medidas que os fagan menos detectables. Bautizado co nome de DIAR, Demostrador Instrumental en Alta Resolución, o novo sistema, deseñado polo grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, permite obter medidas da capacidade dos buques para ser detectados polo radar.

“Este proxecto é unha continuación de diferentes traballos que xa temos levado a cabo dende que comezamos a traballar xuntos, polo ano 2000”, subliña José Luis Rodríguez, investigador principal do proxecto, xunto aos docentes Fernando Obelleiro e Inés García Tuñón. “Respecto ao que tiñamos antes, a novidade é que a composición deste equipo é modular, o que significa que podemos substituír elementos e segue funcionando igual ou mellor”, explica Rodríguez, que fai fincapé en que isto permite ampliar capacidades e, ademais, o feito de que os módulos dos que se compón o equipo estean dispoñibles no mercado, “non hai nada construído a medida”, abarata o mantemento. “Son equipos de mercado, pero con altas garantías de metroloxía, o que significa que a precisión de comportamento de cada compoñente que conforman o sistema está garantida, unha cuestión que eleva aínda máis a fiabilidade do sistema”, recalca.n