AGORA É NOTICIA

A universidade participa en tres dos catro proxectos da Blue Labs

O obxectivo é potenciar a transferencia ao mercado dos resultados da I+D+i mariña

Os proxectos con participación viguesa abordan temas comoa aplicación das tecnoloxías dos UAV’s e o procesado dixital das imaxes para a detección de lixo en praias ou zonas costeiras.
Os proxectos con participación viguesa abordan temas comoa aplicación das tecnoloxías dos UAV’s e o procesado dixital das imaxes para a detección de lixo en praias ou zonas costeiras.
A universidade participa en tres dos catro proxectos da Blue Labs

A convocatoria Blue Labs: innovative solutions for maritime challenges recibiu 50 propostas de proxectos, que foron avaliados pola Axencia Executiva para as Pequenas e Medianas Empresas (Easme). Delas tan só foron seleccionadas catro, tres das cales contan coa participación da Universidade de Vigo. Esta alta taxa de éxito nunha convocatoria europea moi esixente recoñece as achegas dende o eido científico e tecnolóxico ao eido do crecemento azul ou Blue Growth e os proxectos seleccionados recibirán financiación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEAMP). Os proxectos con participación viguesa abordan temas como a identificación de compostos ou moléculas de interese para a industria farmacéutica o alimentaria nas macroalgas invasoras; a aplicación das tecnoloxías dos UAV’s (drones) e o procesado dixital das imaxes para a detección de lixo en praias ou zonas costeiras e a implementación dun innovador “laboratorio” para desenvolver solucións novas e viables na xestión da contaminación mariña, en particular, de mareas negras.

A convocatoria, cun orzamento total de 1,7 millóns de euros, busca apoiar iniciativas multidisciplinares nas que participan novos investigadores, proporcionándolles un espazo organizativo para o traballo colaborativo e multidisciplinario que lles permita levar os resultados da investigación do eido mariño e marítimo ao mercado. As bases requiren que para que un proxecto sexa un Blue Lab debe estar orientado aos resultados, é dicir, que se traduza nun produto tanxible; debe ser innovador e ter unha dimensión piloto e demostrativa; ser multidisciplinar e incluír no equipo de traballo a estudantes, investigadores e expertos experimentados do mundo empresarial ou do sector público, así como estar orientado aos stakeholders.

Fernando Martín, Ana Bernabeu e Celia Olabarría son os encargados de coordinar a participación viguesa en cada un dos tres proxectos (LitterDrone, SpilLess e Amalia, respectivamente). Coinciden en destacar a importancia de estar presentes en tres dos catro proxectos elixidos. O profesor Fernando Martín, do grupo de Procesado de Imaxe, recoñece que están “abraiados con este resultado” e considera que unha razón do éxito “foi adecuarse moi ben ao que se pedía na convocatoria, é dicir, proxectos relacionados co medio mariño, facendo especial fincapé na ecoloxía e respecto ao medio ambiente”.

Para Ana Bernabeu o éxito na convocatoria europea “tan competitiva” dun proxecto composto, principalmente, por investigadores de España e Portugal “demostra o grande esforzo, vocación e voluntarismo que os científicos investimos cada día para facer o noso traballo” e demostra tamén que “somos capaces de competir ao máis alto nivel”.