UNIVERSITAS

A Universidade rende homenaxe aos verdadeiros valores do deporte

gal1 (3)_result
photo_camera Autoridades e galardoados nesta edición da Gala do Deporte Universitario.

O campus de Pontevedra acolleu este xoves a XXIII Gala do Deporte Universitario

O esforzo, o traballo en equipo, o compromiso, a constancia, o afán de superación, o respecto ao outro, a xenerosidade, a humildade e a solidariedade. Estes foron os valores enxalzados e reivindicados na XXIII Gala do Deporte Universitario, que neste 2014 se trasladou ata o campus de Pontevedra para render homenaxe a aquelas persoas e colectivos que, dentro e fóra da Universidade, destacan tanto polos seus éxitos nas diferentes competicións como polo seu labor na difusión dos verdadeiros valores da práctica deportiva. “Hoxe é máis necesario que nunca defender estes valores, entender que o deporte implica ser xenerosos e que, por moito que se intente, nunca pode estar ligado a violencia”, salientou o reitor, Salustiano Mato, na clausura do acto celebrado no Centro Social Afundación.

Numerosos membros da comunidade universitaria, deportistas e afeccionados estiveron presentes nunha gala que foi conducida polo xornalista Xabier Fortes e á que tamén asistiron numerosas autoridades, como o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa; os vicerreitores Juan Manuel Corbacho, Virxilio Rodríguez, Manuel Fernández e Dolores González; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o subdelegado do Goberno, Antonio Coello; a deputada provincial Begoña Estévez; o coordinador de Deporte Escolar da Xunta de Galicia, Guillermo Reinaldo; a directora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Elena Fernández, ou a concelleira de Cultura Anxos Riveiro.

Todos eles puideron “ver desfilar os valores esenciais do deporte”, representados nos diferentes premiados e premiadas, como destacou o reitor, que incidiu en que a actividade física será “un dos eixos motores” do Campus Crea, o proxecto de especialización do campus pontevedrés, ao tempo que reafirmou o “orgullo dunha Universidade máis deportiva”. E non só polas máis de 6000 persoas que participan cada curso nas actividades do Servizo de Deportes ou polas máis de 2200 que compiten nas ligas internas, senón por promover o “deporte dunha forma transversal”, pensando en que é unha práctica “non só para competir, senón tamén para convivir”.

Na mesma liña pronunciarase previamente Ernesto Pedrosa, que incidiu en que “o futuro está baseado en valores como os que se fomentan nesta gala” e defendeu unha Universidade “dinámica e sensible”, que non só forme “profesionais competentes, senón tamén cidadáns responsables, libres e instruídos”.n

Te puede interesar
Más en Universitas