Unha viaxe pictórica que une Pontevedra e Milán

A mostra comisariada polo catedrático Antón Castro propón unha homenaxe á pintora Sofonisba Anguissola

Unha viaxe pictórica que une Pontevedra e Milán

Tres docentes da Facultade de Belas Artes, Manuel Dimas, Manuel Moldes e Nono Bandera, xunto coas egresadas, Clara Salamanca e Laura García Calleja, toman parte, xunto cos artistas Jaime Aledo e Antón Sobral, na “viaxe imaxinaria” que a través da arte propón unha homenaxe á pintora renacentista Sofonisba Anguissola. Unha viaxe que tiña como destino o Instituto Cervantes de Milán, onde vén de inaugurarse a exposición colectiva, comisariada polo catedrático de Estética da Universidade Antón Castro, que toma como inspiración a traxectoria dunha artista “case anónima, pero visionaria, que foi a voz precursora de moitas mulleres artistas”.

A viaxe imaxinaria de Sofonisba Anguissola é o título da exposición, que conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, coa participación de Dimas, Moldes e Salamaca, xunto co director do Instituto Cervantes de Milán, Arturo Lorenzo, quen reivindicou tamén a traxectoria dunha artista "que está empezando a cobrar, grazas a estudos recentes, a importancia que merece, xa que se lle están atribuíndo cadros que erroneamente se lle atribuíran durante séculos a outros pintores de primeira magnitude". A homenaxe pictórica reúne as obras realizadas polos sete artistas seleccionados por Castro e Dimas “tendo como referencia o mundo e a pintura de Anguissola, unha muller adiantada ao seu tempo e unha rupturista na arte nun contexto falocéntrico, onde as mulleres non contaban nada naquel humanismo renacentista de estéticas renovadas”, sinala Castro.