Incendios

A base de helicópteros de Vilanova mellorarase nos próximos días

"As obras de acondicionamento teñen como obxectivo  poñela en funcionamento de xeito inmediato para mellorar o operativo de loita contra os incendios forestais", asegurou o deputado do PP e presidente da Comisión do Medio Rural, Moisés Blanco

O deputado do Grupo Popular e presidente da Comisión do Medio Rural, Moisés Blanco, avanzou este martes que a Consellería do Medio Rural iniciará nos vindeiros días as obras de acondicionamento da nova base de helicópteros de Vilanova, no Barco de Valdeorras, co obxectivo de posteriormente poñela en funcionamento de xeito inmediato para mellorar o operativo de loita contra os incendios forestais.

“A Xunta está a cumprir co recollido na proposición non de lei aprobada o pasado 14 de xuño no Parlamento”, asegurou o deputado valdeorrés logo de que o propio director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto confirmara que a Xunta dispón dos terreos necesarios para realizar as obras desta base de helicópteros, que suporán un investimento superior aos 50.000 euros.

Deste xeito, Moisés Blanco criticou que “o BNG estea a xerar unha alarma inxustificada sobre a construción desta base, cando un mes despois da aprobación da proposición non de lei no Parlamento a Consellería xa conseguira o acordo cos veciños para proceder á limpeza do contorno das instalacións, o peche perimetral das mesmas, a construción dun cubeto para posibles escapes de combustibles e o formigonado de parte da plataforma”. 

O deputado popular lembrou que o acordo acadado no Parlamento, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, recollía que a Consellería do Medio Rural, unha vez finalizadas as xestións cos respectivos propietarios dos terreos e demais entes implicados, a efectos de declarar o seu uso exclusivo, reabra no período de prazo mais breve posible a base de helicópteros de Vilanova no Barco de Valdeorras.

Te puede interesar