VALDEORRAS

Concellos e Deputación únense ao redor de Florencio Delgado

<p></p>
photo_camera Intervención de Manuel Baltar ante os alcaldes, representantes culturais e familiares do poeta.

Puxeron en marcha unha irmandade que ten como fin conseguir un Día das Letras Galegas para o poeta

A praza de Córgomo, situada a escasos metros da casa natal do escritor Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987, Fair Oaks-Estados Unidos) acolleu o acto de presentación da Irmandade de Florencio, en lembranza das Irmandades da Fala. Este pobo de Vilamartín reuniu ao presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, alcaldes e representantes dos concellos de Valdeorras, xunto a unha representación do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV) e de familiares do escritor. Acudiron cun único obxectivo principal: conseguir que a Real Academia Galega adique o Día das Letras Galegas ao poeta local.

A Irmandade de Florencio "é un clube de socios que apoian á candidatura de Florencio Delgado", explicou Débora Álvarez, directora dun proxecto que denominou "As letras de Florencio" e que deseñou coa mesma finalidade: que o bardo ourensano teña o seu Día das Letras Galegas.

A Irmandade xa conta cun Irmán Maior, o artista e actor Anxo Baranga. Onte, non estivo no acto, mais si puideron escoitarse as súas verbas na voz do presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), Aurelio Blanco. O estudioso barquense leu un texto do artista de Córgomo no que asevera que "Valdeorras está na poesía de Florencio".

Pola súa banda, o portavoz da entidad cultural de Valdeorras, Blanco Trincado, engadiu que o poeta vilamartinés "é un dos máis senlleiros representantes da nosa literatura". O presidente do IEV falou de como Carballo Calero incluíu ao poeta entre os novecentistas, un grupo que formaron Manuel Antonio, Amado Carballo, Blanco Amor, Euxenio Montes e Federico García Lorca. Rematou a súa intervención calificando a cita de onte como "un momento histórico para defender un obxectivo moi xusto". No seu escrito, Anxo Baranga invitou ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, a sumarse á Irmandade. O aludido non o dubidou e, instantes despois, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, lle prendía a insignia na solapa.

No seu discurso, Manuel Baltar, aludiu á revista "Vieiros", en cuxa creación participaron o poeta de Córgomo, Carlos Velo e Luis Soto. "Somos un pobo creativo, traballador e emigrante", apuntou o presidente da Deputación, para inmediatamente atribuir estas características ao escritor que causou a campaña reivindicativa que está comezando. Subliñou o apoio do organismo que preside á campaña da sociedade valdeorresa e considerou que "o interesante é que imos seguir poñendo en valor a traxectoria e obra poética de Florencio Delgado".

O acto de onte, en Córgomo, tan só foi o comezo dun programa reivindicativo que tamén contempla a apertura dunha páxina web, na que aparecerán os nomes e apelidos das persoas que apoian a reclamación de que a Real Alcademia Galega homenaxee ao escritor e poeta local.

A presentación da campaña desenrolouse ante un cuadro coa figura do escritor de Córgomo, aportado polo seu autor, Miguel Anxo Coello, ao Instituto de Estudios Valdeorreses.

Te puede interesar