XUNTA DE GOBERNO

A Deputación aproba tres programas de asistencia ao Consorcio de Augas de Valdeorras

Os tres proxectos terán unha vixencia dun ano de duración, do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá tres programas de asistencia técnica, xurídica e administrativa ao Consorcio de Augas de Valdeorras na xestión de diversos servizos para o exercicio 2018.

O primeiro programa afecta á xestión dos servizos de abastecemento de auga potable no municipio do Barco para 2018, polo que o Consorcio realizará un pagamento de 142.718 euros á Deputación. En base a este programa, a Deputación encargarase da supervisión técnica do mantemento preventivo dos sistemas de almacenamento e regulación da auga potable e da rede de distribución; da supervisión e asistencia técnica para a execución de acometidas de abastecemento; da realización de controis analíticos de calidade da auga abastecida; da asistencia para a lectura de contadores, elaboración de padróns de contribuíntes e preparación material da facturación das taxas de abastecemento e do canon de auga; incluíndo neste caso a asistencia para a elaboración dos padróns da taxa polo servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, ao estar actualmente unificados os recibos destes tributos neste municipio.

Outro dos programas de asistencia é o relativo á xestión dos servizos de saneamento no municipio do Barco de Valdeorras, polo cal o Consorcio aboará a cantidade de 47.042 euros en concepto de supervisión técnica do mantemento preventivo dos elementos de constitutivos de manobra, control e protección e da rede de saneamento; asistencia técnica para a execución de acometidas de saneamento; asistencia para a elaboración de padróns de contribuíntes e preparación da facturación das taxas de saneamento; asistencia xurídica para a elaboración de ordenanzas e xestión dos expedientes relacionados cos servizos, entre outros.

DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS 

Por último, aprobouse o programa de asistencia á xestión do servizo intermunicipal de depuración de augas residuais de Valdeorras, polo que o Consorcio realizará un pagamento de 270.534 euros. Neste apartado, os servizos a prestar serán a supervisión técnica do mantemento preventivo das infraestruturas de depuración de augas residuais xestionadas polo Consorcio; a supervisión técnica dos traballos de baleirado e limpeza das fosas sépticas existentes nos municipios da comarca e traslado dos lodos a unha planta de tratamento; realización dos controis analíticos esixidos pola lexislación vixente na auga tratada nas infraestruturas de depuración; e asistencia xurídica para a elaboración de ordenanzas e xestión dos expedientes relacionados co servizo, entre outros.

Nos tres casos, as prestación serán realizadas por Aquaourense, SA, na súa condición de concesionaria do servizo provincial de asistencia a municipios en materia de servizos relacionados co ciclo hidráulico. Ademais, nos tres programas, en concepto de compensación polos custes de enerxía eléctrica soportados pola Deputación, o Consorcio aboará a cantidade efectivamente facturada á Deputación pola empresa subministradora neste concepto.

En canto á duración, os tres programas terán unha vixencia dun ano, do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2018.

Te puede interesar