VALDEORRAS

O proxecto de innivación da estación de Manzaneda achégase ao seu ecuador

Manuel Baltar visitou as obras de instalación dos canóns de neve artificial

Os traballos de instalación de canóns de innivación artificial na estación de inverno de Manzaneda foron onte visitados polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. O titular do executivo provincial recorreu, acompañado do director xerente de Meisa (Manzaneda Estación Invernal, S.A.), Gustavo Sanmartín, as obras que arestora están en execución.
Segundo poido comprobar Baltar, as actuacións atópanse ao 50 por cento do proxectado e se centran na construción de dúas balsas de acumulación de auga cunha capacidade de 38.000 metros cúbicos que darán suministro a 29 canóns innivadores. "É unha importante obra de enxeñería, á vangarda da tecnoloxía e nun enclave único como o é esta estación de montaña", subliñou Baltar ao remate da visita. 
Baltar recalcou a importancia deste "proxecto clave, obra dun dos grandes homes desta provincia, visionario como ninguén, José Luis Outeiriño -presidente de honra deste diario-, que merece todo o empuxe e enerxía do goberno de Ourense. É a única estación de esquí galega, capaz de atraer visitantes e usuarios doutras comunidades pero que tamén ten que desestacionalizar o seu uso, ofertando diversas posibilidades de ocio e desfrute ao longo do ano, labor na que están facendo un especial fincapé dende a actual direción da estación", afirmou o presidente da Deputación Provincial de Ourense. 

Manuel Baltar destacou a súa vez a "aposta que fixo a Deputación nestas instalacións e na comarca de Trives-Manzaneda, cun investimento que foi o máis alto deste mandato, 1,5 millóns de euros de fondos propios, aos que lle hai que engadir os solicitados nunha operación financieira por Meisa e os aportados pola Xunta de Galicia, alcanzando os 4,5 millóns na súa totalidade", rematou.
 

Te puede interesar