CELEBRACIÓN

Máis de oitocentos comensais deron conta de 1.200 codillos na festa da Rúa

Antes do xantar, o Concello ofreceu unha homenaxe á hosteleira Ermitas Bolaño e un recoñecemento póstumo a Santos Izquierdo

Algo máis de 800 persoas -810 exactamente- deron conta na xornada de onte de 1.200 codillos, 1.200 chourizos e 400 kilos de patacas e grelos na Festa do  Codillo que se celebrou na Rúa. O alcalde, Luis Fernández, amosaba avanzada a tarde a súa satisfacción por como se tiña desenvolvido a xornada, que comezaba a media mañá coa homenaxe que se lle rendía a Ermitas Bolaño e a Santos Izquierdo. A primeira, dona do Bar Taxi, local xa pechado pero que foi un emblema da hostelería ruesa, recibíu un ramo de flores e unha placa en agradecemento por medio século de entrega e traballo. 

O segundo, xa falecido, foi o impulsor no seu día do Gran Premio Cuprosán, unha proba ciclista que levou á Rúa aos mellores ciclistas españois e que estivo disputándose entre os anos 1954 e 1992. Logo da proxección dun vídeo sobre o seu labor, o alcalde fixolle entrega aos seus fillos dunha placa e tamén dun ramo de flores.

Rematado o acto institucional,  tería lugar o xantar oficial, nun pavillón polideportivo ateigado. O menú, consomé con tropezóns, codillo, chourizo, grelos con cachelos, pan, bica e viño da cooperativa ruesa e como remate, bica , licor café e augardente de herbas.

A capacidade prevista para o convite oficial foi de 810 persoas. O alcalde, Luis Fernández, sinala que o polideportivo ten capacidade para acoller máis xente, "pero non queremos pasarnos moito máis desas 800 personas. Poidemos vender máis entradas, pois as que había agotáronse nunha semana". A entrada custaba 15 euros e unha parte do pavillón estivo reservada para servizos do evento, así como para a instalación dun escenario, sobre o que actuaría, ó remate do xantar, o grupo Abertal, animándose moitas personas a botar un baile.

Xa co atardecer a festa trasladouse aos establecementos hosteleiros. Tres agrupacións protagonizarían unha nova edición dos "Cantos de taberna", percorrendo os locais e animando o ambiente.

Te puede interesar